Técnicos de Augas de Galicia dirixiron na primeira metade de agosto os traballos, que consistiron na roza das masas de matogueira, na retirada de árbores caídos e especies invasoras e na eliminación de atascos puntuais nun tramo da canle
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do persoal de Augas de Galicia, vén de rematar unha serie de traballos de conservación e mellora do dominio público e das zonas de acceso e protección do Rego da Cancela, no concello pontevedrés de Poio.
Os traballos, que se prolongaron desde comezos de agosto ata a semana pasada, consistiron fundamentalmente na retirada de árbores caídas e de masas localizadas de Arundo donax, unha especie exótica invasora que pode desprazar á flora local e diminúe a capacidade de desaugue dos ríos. Así mesmo, tamén se traballou na eliminación de atascos puntuais, na roza selectiva dalgunhas masas de matogueira e no rareo de arbustivas.
O custo dos labores de mantemento e conservación acometidos na zona, que se focalizaron nun tramo de 125 metros do rego ao seu paso polas parroquias de A Seara e San Xoán de Poio, ascendeu en total a 6.218,64 euros.
Cómpre lembrar que estes traballos encádranse nas actuacións que ao longo do ano desenvolve Augas de Galicia para o mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías de Galicia-Costa co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais, así como asegurar a correcta circulación das augas. Así, con este tipo de intervencións o organismo de conca mellora os espazos de dominio público, a súa accesibilidade e a protección das marxes dos ríos da demarcación hidrográfica.
- Te recomendamos -