A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e o xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández, presentaron esta mañá a iniciativa, que inclúe tamén batidas de recollida de residuos con equipos voluntarios en 8 das 21 etapas da carreira
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ecovidrio e o Concello de Mondoñedo colaborarán para concienciar á poboación sobre a necesidade de reciclar os envases de vidro con motivo da Volta Ciclista a España 2018, que este ano comezará unha das súas etapas desde o municipio lucense.
Baixo o lema Recicla vidro e pedalea, a iniciativa pretende aproveitar o tirón e o reclamo que supón o paso deste evento deportivo por varias localidades de todo o país para sensibilizar no respecto ao medio ambiente a veciños e amantes do ciclismo, e implicalos á vez no obxectivo de incrementar as taxas actuais de recuperación destes residuos.
Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, que participou esta mañá na presentación da campaña en Mondoñedo xunto á alcaldesa Elena Candia, e ao xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.
Con motivo do paso da Volta a España por Mondoñedo, desde hoxe o municipio conta con 6 novos colectores vinilados coa imaxe da campaña Recicla vidro e pedalea. Todos os envases que se recollan neles, serán utilizados por Ecovidrio para deseñar e fabricar un trofeo sustentable que se lle entregará á alcaldesa o próximo 6 de setembro, coincidindo coa saída da etapa 12 da Volta a España.
Así mesmo, outra das principais novidades da campaña deste ano será a programación de batidas de recollida de residuos por parte de voluntarios durante parte do trazado. Estas accións de limpeza están previstas en 8 das 21 etapas das que consta a carreira, sendo Mondoñedo un dos municipios escollidos.
Este ano tamén se porá á venda un mini iglú solidario da Volta a España 2018 e por cada mil unidades vendidas, Ecovidrio comprométese a doar unha handbike ao Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo.
A Volta Ciclista a España percorrerá do 25 de agosto ao 16 de setembro todo o país polo que supón un escaparate excepcional para que os afeccionados ao ciclismo e á cidadanía en xeral poidan coñecer de primeira man os beneficios ambientais de reciclar vidro.2017, o maior incremento en 5 anosA reciclaxe de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade de acordo cos principios da economía circular, que se basea en conseguir a reincorporación dos residuos ao ciclo produtivo co fin de darlles unha nova vida.
Nas dúas últimas décadas, a taxa de reciclaxe deste tipo de residuos experimentou un crecemento exponencial no conxunto do país e tamén en Galicia grazas á colaboración público-privada entre as administracións e Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe de envases de vidro en España.
Así, no ano 2017 os galegos reciclaron máis de 43.000 toneladas de vidro, un 5,5 por centro máis que no exercicio anterior. Este dato supón o maior incremento da recollida selectiva a través do contedor verde dos últimos cinco anos e sitúa a Galicia, cunha taxa de recollida de 16,1 quilos por habitante, na media española e nunha boa posición respecto a Europa.
No caso concreto de Mondoñedo, durante 2017 recicláronse un total de 34.072 kilogramos de vidro, é dicir, 9,2 quilos por habitante. Respecto á taxa de contenerización, Mondoñedo se sitúa cunha media de 207 habitantes por colector, contando na actualidade cun total de 18 iglús instalados para a xestión deste tipo de residuos no municipio.
Verdear é a actitudeCómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente presentou antes do verán a iniciativa Verdear é a actitude, coa que se pretende mellorar o comportamento ambiental dos galegos a través de accións de concienciación, convertendo os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables que axuden a mitigar os efectos do cambio climático. Un dos focos de atención desta iniciativa son, precisamente, os eventos deportivos que congregan con motivo da súa celebración a un gran número de participantes e afeccionados.
Nesta filosofía enmárcanse tamén as actuacións impulsadas este verán conxuntamente con Ecovidrio con motivo da celebración de numerosos festivais, eventos e feiras gastronómicas. O obxectivo é integrar o concepto de sustentabilidade na organización de festexos de gran proxección en Galicia, cos que se implantarán hábitos de produción e consumo responsables por parte de empresas. patrocinadores, voluntarios e público.
Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente estivo presente xa coa programación de diversas accións dirixidas a fomentar a sustentabilidade destes eventos durante a celebración do San Xoán en A Coruña, declarada de Interese Turístico Internacional, na Festa do Albariño, que se celebrou a comezos de agosto en Cambados, e tamén o estará no San Froilán, en Lugo.
- Te recomendamos -