‘Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa’ en Palas de Rei e ‘O patrimonio industrial nos Peares’ son as actividades propostas para o sábado e o domingo
As novas propostas do ciclo Monumenta, andar con arte para a vindeira fin de semana levarán aos seus participantes ata o castelo de Pambre para descubrir a Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa , nunha cita que terá lugar o sábado 25, ás 11:00 horas en Palas de Rei. O patrimonio industrial nos Peares é a orixinal proposta para o domingo 26, tamén a partir das 11:00 horas. O prazo de inscrición para participar en calquera das dúas actividades está aberto ata o vindeiro venres 24 na web do programa http://monumentagalicia.com e a admisión realízase por orde de inscrición.
O ciclo Monumenta vaise achegando á súa fin. Tras o seu paso por Lugo, A Guarda, Valdoviño, Ordes e Esgos, a vindeira fin de semana trasládase a Palas de Rei, en Lugo, para recuperar a memoria da estirpe dos Ulloa, con presenza no territorio a través de varias fortalezas e fortes, das que o castelo de Pambre é un bo exemplo. O arqueólogo Santiago Vázquez Collazo e membros do Instituto de Estudos Ulloáns acompañarán aos camiñantes nesta ruta que contará coa música e as historias de Francisco Romualdo e a súa zanfona.
O domingo 26, a comarca dos Peares, porta de entrada á Ribeira Sacra, será a protagonista, para descubrir o pasado emprendedor e industrial dun dos lugares con máis maxia e encanto de Galicia. O catedrático e investigador Xoán Carmona Badía compartirá os seus coñecementos durante a andaina, que terá a música de Son Trío como banda sonora.
Monumenta naceu no ano 2013 como unha experiencia para vivir e sentir o patrimonio, apreciando ao camiñar a súa singularidade cultural e paisaxística. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procura con esta iniciativa contribuír cunha oferta cultural descentralizada, moi vinculada co local.
Pódese consultar a programación completa sobre o ciclo na páxina web www.cultura.gal e mais en http://monumentagalicia.com/, onde cómpre realizar a inscrición.
- Te recomendamos -