A Xunta dá a coñecer nesta cita no Reino unido ‘Galicia Birding’, un completo programa de avistamento de aves que contempla 148 roteiros na Comunidade
Turismo de Galicia participa esta fin de semana, e por terceira vez consecutiva, no certame especializado British Birdwatching Fair (Bird Fair), no Reino Unido, para dar a coñecer no mercado británico as rutas ornitolóxicas do programa Galicia Birding, así como os produtos relacionados con esta modalidade turística e o patrimonio natural da Comunidade en xeral, un territorio que pola súa situación xeográfica e a súa diversidade paisaxística é un destino moi propicio para esta práctica.
Trátase dunha feira líder en Europa no relativo a turismo ornitolóxico, organizada na reserva natural de Rutland pola Leicestershire & Rutland Wildlife Trust en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds de Gran Bretaña. Este certame está aberto a profesionais e público xeral e o departamento de Turismo da Xunta desenvolve o seu labor de promoción dentro do recinto de Turespaña, coordinado pola Oficina de Turismo de España en Londres.
Galicia Birding, que permite poñer en valor os recursos endóxenos galegos dun xeito sustentable, é o programa de turismo ornitolóxico impulsado polo Goberno autonómico que comprende un total de 148 roteiros e 600 puntos destacados. Toda a información destas rutas pódese consultar na páxina web de Turismo de Galicia ou na app Galicia Birding, onde se atopan agrupados todos estes espazos de especial interese e os seus itinerarios.
Espazos na costa e no interiorAsí, no litoral galego destacan como puntos de especial avistamento as rías de Ribadeo e Foz, a Ría de Ortigueira, Cariño e Estaca de Bares, a Costa da Morte, O Grove e o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou A Guarda. Xa no interior, sinálanse os Humedais da Terra Chá, Os Ancares e Montes de Cervantes, os Cañóns do Río Sil, Serra da Enciña da Lastra, A Limia, Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ou Oímbra, Monterrei e Verín.
Cada época do ano conta coas súas propias recomendacións e rutas. No mes de agosto, a proposta destacada é O espectáculo da migración, na Ría de Ortigueira, Cariño e Estaca de Bares, a Costa da Morte, O Grove e o Parque Nacional das Illas Atlánticas e os Humedais da Terra Chá. O alcatraz atlántico é, amais, o protagonista entre as decenas de especies.
Este tipo de turismo ornitolóxico e de natureza permite a Galicia diversificar e especializar a súa oferta, o que contribúe así mesmo á desestacionalización da demanda. Este é un dos retos recollidos na Estratexia de turismo de Galicia 2020, a folla de ruta acordada entre a Xunta e o sector que aposta pola calidade e a autenticidade como signos de identidade.
- Te recomendamos -