O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o texto do acordo, no que participan Medio Rural, Seaga e a Administración local e que suporá un investimento de máis de 28 millóns de euros ata 2021
Os concellos galegos disporán dun mes de prazo, a partir de mañá, para solicitar a súa adhesión ao convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Así se establece na orde da Consellería do Medio Rural que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Os responsables da Xunta, da Fegamp e de Seaga están xa a traballar para axilizar ao máximo o proceso, de forma que se analicen cada unha das solicitudes que vaian entrando, co fin de iniciar canto antes os labores sobre o terreo unha vez finalice o prazo de adhesión. Nos vindeiros días quedará, ademais, constituída a comisión de seguimento do convenio.
Este acordo, asinado a pasada semana e pioneiro no ámbito europeo, contempla un investimento por parte do Goberno galego de máis de 28 millóns de euros ata o ano 2021, en colaboración coa administración local, que cofinanciará as actuacións previstas.
Prevese a actuación, ao longo de catro anos, nunhas 16.000 hectáreas de faixas secundarias, con especial atención a aqueles concellos máis afectados polos lumes. Os municipios que o soliciten serán seleccionados para adherirse ao sistema a partir dunha serie de criterios obxectivos de prioridade, relacionados co número de lumes rexistrados no seu territorio ou a existencia neles de parroquias de alta actividade incendiaria, entre outros.
Os labores centraranse nos terreos abandonados e nos de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público. Os titulares de montes que se comprometan co sistema aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos. Os propietarios beneficiaranse así das vantaxes do sistema, que inclúen a asunción polas administracións públicas dos maiores custes a que poidan dar lugar estes traballos.
Obriga legalDeste xeito, o convenio instrumenta a cooperación entre as administracións autonómica e local, e de estas cos propietarios forestais, nas tarefas de interese público, mediante o fomento da necesaria prevención de incendios por parte das persoas particulares, facilitando que cumpran coa súa obriga legal de xestión da biomasa dos seus montes.
Enlace á orde do DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180817/AnuncioG0426-100818-0001_gl.pdf
- Te recomendamos -