Inicio Galicia A Xunta reforza con 1M? as axudas á contratación de persoas con...

A Xunta reforza con 1M? as axudas á contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social na empresa

0

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar as bases deste programa co que se prevé financiar a contratación de 350 persoas e 50 preparadores laborais


A Xunta reforza este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando en global un millón de euros coa estimación de financiar a contratación de 350 persoas e 50 preparadores laborais. Como novidade este ano, ademais de aumentarse as contías das axudas, o programa tamén vai dirixido a persoas en risco de exclusión social.

A iniciativa, que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.

Para o programa de emprego con apoio invístense 500.000 euros, case o triplo que na pasada convocatoria, para a contratación de 50 preparadores laborais nas compañías para prestar un acompañamento individualizado a 200 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que traballen nas firmas en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos de iguais características. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia ata o 100% dos custes salariais e de seguridade social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio.

A contía base por preparador, que se calcula en función do número de persoas que se apoien e o grado e tipo de discapacidade, é de 3500 euros como mínimo ata un máximo de 8500 euros. O Goberno galego reforza este ano estas contías: as mínimas aumentan en 1.000 euros con respecto ao ano pasado e as máximas en 1900 euros.

O apoio máximo poderá alcanzar os 19.500 euros por preparador, xa que o programa inclúe un incremento do 25% da axuda se a persoa contratada é muller; maior de 45 anos; emigrante retornado; e se o centro de traballo está emprazado no rural. Ademais, a Xunta financia con ata un máximo de 2.500 euros os desprazamentos dos preparadores.

O prazo de solicitude para o programa de emprego con apoio remata o próximo 10 de setembro.

Doutra banda, o programa de incentivos á contratación a tempo parcial, co que se estima beneficiar a 150 persoas, inclúe tamén novidades. Aos incentivos á contratación únese un bono de formación opcional para as compañías de 1000 euros por cada persoa contratada.

Con respecto ao bono para a contratación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de 6 meses. Esta cantidade aumentará un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda poderá alcanzar os 4000 euros.

Esta iniciativa, que se pode solicitar ata o próximo 15 de outubro, complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

A Xunta con esta actuación ratifica a súa aposta polo emprego inclusivo polo que traballa cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.  


- Te recomendamos -