A Consellería de Política Social acaba de comunicar aos concellos ourensás o aumento no número de horas concedidas para a prestación deste servizo
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, informou de que o Goberno galego vén de comunicar aos concellos da provincia de Ourense o aumento no número de horas concedidas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Un reforzo que se enmarca no Plan de Apoio á Dependencia que o Goberno galego pón en marcha co obxectivo de mellorar a atención dos galegos e galegas en situación de dependencia e que permitirá superar as 60.000 persoas con atención antes de que remate o presente ano.
Máis polo miúdo, Díaz Mouteira explicou que a nivel galego, a Consellería de Política Social reforza o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun incremento de 1,5 millóns de horas anuais e un custo de máis de 1,2 millóns de euros ao mes. Con esta medida se ampliarán as horas dispoñibles en case 127.000 horas ao mes, ata alcanzar os 8,9 millóns de euros de horas concedidas aos 313 concellos e 7 mancomunidades de concellos de Galicia. E, ao fío, lembrou que o SAF é un dos recursos mellor valorados polas persoas con dependencia e representa máis do 32% das prestacións totais do SAAD (máis de 21.600 galegos e galegas se benefician hoxe deste servizo). Este incremento chegará a preto de 3.000 persoas e costará 14.7 millóns de euros.
Polo que respecta á provincia de Ourense, Díaz Mouteira sinalou o importante reforzo que experimenta este recurso cun incremento de 123.084 horas ata superar o 1,3 millóns de horas de atención. E con relación á ampliación deste servizo por comarcas, a delegada territorial sinalou que todas as demarcacións se verán beneficiadas deste aumento de horas.
Bono Autonomía en ResidenciaNo marco do Plan de Apoio á Dependencia, a Xunta de Galicia impulsa tamén o Bono Autonomía en Residencia, que consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública.
Deste xeito, a aqueles que estean pendentes de recibir un recurso de atención residencial e non perciban ningunha outra prestación das incluídas no Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD), a administración ofreceralles unha libranza vinculada para a adquisición dun servizo de atención residencial co fin de sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agarda, si así o desexa, pola súa incorporación a unha praza nun centro público. A medida poderá beneficiar a preto de mil persoas, que recibirán de media 490 euros ao mes, podendo percibir un máximo de 715 en función da súa capacidade económica e do grao de dependencia recoñecido. O custo da posta en marcha desta medida superará os 6,3 millóns de euros.
Nesta liña, Díaz Mouteira recordou o notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos, impulso que é debido grazas ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.
Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.
- Te recomendamos -