Inicio Galicia Medio Ambiente escolle os concellos da Coruña, Arteixo e Portomarín para desenvolver...

Medio Ambiente escolle os concellos da Coruña, Arteixo e Portomarín para desenvolver os estudos piloto dos futuros plans de acción da paisaxe

0

A consellería licitará nuns días os traballos para deseñar dúas propostas de mellora e integración paisaxística na área urbana de Estibada, situada na contorna da cidade de A Coruña, e no núcleo rural de Castromaior

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licitará nos próximos días dous estudos piloto para deseñar propostas de mellora e integración paisaxística nun núcleo rural de Portomarín e nunha área urbana localizada entre Arteixo e A Coruña. Estes serán os primeiros concellos nos que se sentarán as bases para a elaboración dos futuros plans de acción da paisaxe, un dos catro instrumentos de planificación e xestión previstos pola Lei de Protección da Paisaxe de Galicia.

O obxectivo da Xunta é dar un paso máis dentro da Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020 coa realización de intervencións concretas de mellora e integración paisaxística en lugares que responden a algunha das peculiaridades identificadas polo Catálogo das Paisaxes de Galicia (periferias urbanas, zonas rurais de singular valor, etc.).

Precisamente, as dúas zonas escollidas polo Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente, cumpren estas premisas: por un lado, Estibada, unha área urbana paisaxisticamente degradada por diferentes causas, e por outro, Castromaior, un ámbito rural de importantes valores naturais, patrimoniais e culturais.

Para lograr este obxectivo, é necesario realizar en primeiro lugar un estudo paisaxístico dos ámbitos de intervención co fin de obter a información precisa para poder chegar a un diagnóstico da situación actual da paisaxe. Esa análise previa será a que se utilice como base para avanzar, no seguinte paso, nunha proposta de actuacións enfocadas á protección, á mellora e á integración paisaxística de cada unha destas áreas.

Os dous estudos, que se sacarán a licitación nos próximos días por un importe global de 120.000 euros, teñen un carácter de actuacións piloto, tanto porque serán os primeiros que se fan en Galicia, como porque servirán de referencia para a elaboración dos futuros plans de acción da paisaxe. Por esta razón, a súa execución requirirá dun equipo multidisciplinar con experiencia na elaboración de estudos ou plans de paisaxe.

EstibadaO primeiro dos estudos, cun orzamento de licitación de 90.000 euros, corresponde ao lugar da Estibada, entre os concellos de Arteixo e A Coruña. Foi seleccionado como exemplo de zona da periferia dunha das maiores cidades de Galicia, nas que adoitan convivir numerosos elementos paisaxísticos de orixe antrópica con outros naturais, orixinando frecuentemente conflitos visuais e paisaxísticos.

Así, nesta zona coexisten importantes vías de comunicación, instalacións industriais de diversas tipoloxías e dimensións, canteiras, o encoro de Meicende e áreas residenciais. Ademais, trátase dun dos puntos de acceso á área urbana da Coruña e, polo tanto, exemplifica un dos máis destacados problemas de imaxe que se teñen detectado durante a elaboración do Catálogo das paisaxes de Galicia.

O IET considera que neste ámbito poderían aplicarse eficazmente as guías de integración paisaxística, así como estudar solucións de mellora para os impactos derivados de paredes medianeiras vistas, a introdución de vexetación en espazos públicos, o deseño de conexións peonís, a ordenación de zonas agrícolas e forestais ou a planificación de espazos de lecer nas áreas extractivas unha vez rematada a explotación mineira.

CastromaiorPolo que respecta ao outro estudo, que sairá a licitación por 30.000 euros, corresponde á contorna do núcleo de Castromaior, no concello lucense de Portomarín. Trátase dunha zona cun asentamento de poboación e cun alto interese paisaxístico, que pode ser posto en valor potenciando os importantes valores culturais e naturais xa existentes.

Neste ámbito territorial, ademais de conservarse edificacións tradicionais de interese patrimonial, está localizado o castro de Castromaior, dun gran valor cultural e paisaxístico, co cal se podería conectar o núcleo para configurar un lugar de especial interese paisaxístico e turístico. De feito, trátase dunha zona na que pode resultar eficaz a aplicación das distintas guías de integración paisaxística elaboradas pola Consellería de Medio Ambiente, como a Guía de cor e materiais, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados ou a Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais, e na que se combinan os valores naturais, panorámicos e culturais con elementos susceptibles de mellora, como certos aspectos do núcleo e das explotacións agrarias e forestais da contorna. 


- Te recomendamos -