Os Axentes galegos do software libre colaboración no 41% das actividades do Plan autonómico
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a desenvolver o Plan de Acción en Software Libre 2018, que recolle un total de 110 actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); con sete Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL), Bricolabs, GALPon, Ghandalf, GPUL, Makers Lugo, Melisa e XeoPesca; e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén unha actuación específica para o fomento do Software Libre como a celebración.
Os acordos asinados permitirán a realización dun total de 46 actuacións que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social ou a formación en Software Libre nas Universidades.
Cómpre destacar este ano a inclusión do Programa Girl STEM para a creación de referentes, visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas sempre dende o software e cultura libres. AGASOL organizará unha serie de actividades de mentorado próximo desde idades temperás dirixidas ás nenas de entre 14 e 18 anos para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades cara estudos STEM.
Software Libre na AdministraciónNo ámbito da administración a Amtega continúa promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración reforzando a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, Así mesmo, mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas solucións TIC desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.
Software Libre na empresaNo ámbito empresarial, as actuacións están dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Un ano máis é o Centro Demostrador TIC o elemento vertebrador das mesmas. Para reforzar a presenza das solucións libres no CDTIC, a Amtega colabora con AGASOL para ofrecer unha serie de xornadas de difusión de solucións TIC libres.
Así mesmo, o CDTIC Virtual incorporará unha nova solución de facturación web, FacturaScripts e continuarase coa difusión de solucións empresariais libres a través do portal mancomun.gal, con artigos tecnolóxicos, novas, entrevistas así como o boletín mensual de Software Libre empresarial.
Software Libre para a cidadaníaFinalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguen potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.
Vén de convocarse o XI edición do Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre en colaboración co CIXUG, que integra as tres universidades, e tamén coa participación da Asociación GPUL.
Por suposto é neste eido onde se desenvolverán a maior parte das 27 actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia.
Balance do Plan de Software Libre 2017Xunto co plan 2018 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2017.
No ámbito das administracións públicas, destaca o proceso de migración progresivo dos postos de traballo cara ao paquete ofimático corporativo LibreOffice, quedando consolidado este como o software a empregar dentro dos criterios corporativos para a homoxeneización dos postos instalados. Así mesmo liberáronse dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia, no que destaca ademais a colaboración directa coa comunidade de Ansible contribuíndo directamente upstream.
No relativo ao sector empresarial, no ano 2017, o 75% das actividades do CDTIC foron relativas a tecnoloxías libres o de carácter tecnolóxico neutro, como metodoloxías, mercadotecnia, etc. O software libre segue a medrar en presenza dentro do tecido empresarial, como se demostra a través dos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA). Nos datos correspondentes ao ano 2017 amósase una tendencia crecente no emprego de software libre, chegando xa ata case un 55% nas empresas de menos de 9 empregados, e ata máis do 88% nas de máis de 10 empregados.
No tocante á cidadanía cómpre resaltar as actuacións desenvolvidas en colaboración cos axentes do software libre en Galicia, con máis de 100 activades en diferentes puntos de Galicia, relacionadas con diferentes temáticas tanto no ámbito do software como do hardware libre, e totalmente abertas para todo o mundo.
No tocante á formación a empresas e cidadáns, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 55.000 horas de formación en software libre a máis de 50.000 persoas.
- Te recomendamos -