Inicio Galicia Marta Míguez destaca as preto de 500 licenzas federativas e o gran...

Marta Míguez destaca as preto de 500 licenzas federativas e o gran traballo de canteira do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo na presentación dunha tempada máis na Liga Asobal

0

Salienta a importancia da afección que “coa súa paixón, entrega e raza fai que o pavillón municipal do Gatañal sexa un dos estadios que máis respectan os rivais”

Cangas do Morrazo (Pontevedra), 10 de agosto de 2018.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou no serán de hoxe na presentación do Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo que xogará unha tempada máis -sete consecutivas- na Liga Asobal. Nas súas verbas, a responsable do Deporte galego reafirmou o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte ao Balonmán Cangas ao que “lle quedan moitos éxitos que celebrar”. “Só hai que botarlle un ollo ás preto de 500 licenzas federativas coas que conta ou ao gran traballo que realiza coa canteira”, engadiu.

Todo este traballo, dixo a secretaria xeral, foi o que levou ao Balonmán Cangas a acadar “fitos tan importantes como competir na Liga EHF, na Copa Asobal ou situarse nos postos máis altos da Liga”. Deste xeito, Marta Míguez tamén salientou a importancia da afección que “coa súa paixón, entrega e raza fai que o pavillón municipal do Gatañal sexa un dos estadios que máis respectan os rivais”.

A titular da carteira de Deporte da Xunta destacou como ata 1972 o equipo de Cangas xogaba os seus partidos en plena rúa, na avenida de Vicenti onde cortaban o tráfico, pintaban o campo de xogo, traían a ombreiros as porterías e retiraban a man os coches aparcados na zona.

No seu relatorio, Marta Míguez salientou ao balonmán galego como “toda unha potencia” e lembrou a tempada 96-97 cando ata catro equipos conviviron na máxima división do balonmán nacional masculino: o Teucro, o Cangas, o Octavio e o Chapela.  


- Te recomendamos -