O período de programación remata o 30 de outubro e 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais poden seleccionar proxectos entre os 290 do catálogo
O programa de dinamización da lectura Ler conta moito achega neste mes de agosto 56 actividades a 35 concellos de toda Galicia. A convocatoria de axudas deste ano, dotada con 195.000 euros, e que se resolveu en maio, posibilita que 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de 173 municipios se beneficien ata finais de outubro das actividades que ofrece este proxecto.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de lanzar un vídeo para difundir este programa que busca animar á lectura a través de accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos. Procúrase, deste xeito, facilitar o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro. O vídeo está dispoñible na web de Cultura https://www.cultura.gal/gl/videos/47113 e na canle de YouTube https://youtu.be/ZsgPksLHaZI.
Así, por exemplo, mañá xoves 9, na Biblioteca Pública Municipal de Ourol, ás 11:00 horas, a rapazada de catro a 12 anos poderá participar na actividade Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína e, á mesma hora, na B.
P.
M. López Cortón de Cedeira os rapaces e rapazas de tres a 12 anos poden asistir ao contacontos titulado Raposadas. A Axencia de Lectura Municipal de Arbo, en Cangas, ofrece ás 11:30 horas un obradoiro creativo para nenas e nenos a partir dos seis anos. Ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Caión, a Bibliodiscoteca con María Faltri está dirixida a todas as idades. Xa á noite, ás 22:00 horas, en Vilagarcía de Arousa, na B.
P.
M. Irmáns Camba, celebrarase o espectáculo Pobre poesía, de Xoan Curiel.
Ao día seguinte, o venres 10, ás 11:30 horas, a Biblioteca Pública Municipal do Grove ofrece a un público de entre tres e 10 anos As parábolas de Pakolas. Ás 12:00 horas, A maxia de Mary Poppins estará na B.
P.
M. do Valadouro, para achegar aos libros e a lectura á rapazada de entre tres e 13 anos. Á mesma hora, Xan Perillán e a maleta máxica chegan á B.
P.
M. de Santa Comba, para os nenos e nenas de tres a 12 anos.
O sábado 11, ás 11:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal Varela Jácome de Lalín un público de tres a 12 anos poderá gozar cos conxuros de Carmiña, A Meiga.
Propostas para fomentar a lecturaLer conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.
A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% do custo das actividades programadas, mentres que as entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.
- Te recomendamos -