A Consellería de Política Social oferta un total de 15 prazas para os centros de Lugo, Ourense e Vigo
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde do 20 de xullo de 2018 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras – bolseiras para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso 2018/2019. O total de prazas convocadas serán 15 nas tres residencias xuvenís, nomeadamente 4 prazas no Centro Residencial Xuvenil Lug, en Lugo; 5 prazas na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense; e 6 prazas na Residencia Xuvenil de Altamar en Vigo.
Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos: posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza; ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data de 31 de decembro do ano en curso; estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil; non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante; non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro; e ter unha renda media familiar que non supere o 150% do indicador público de renda de efectos múltiples.
As persoas beneficiarias destas axudas de bolseiros e colaboradores contarán co aloxamento e mantenza gratuítos a cambio de desenvolver labores de dinamización xuvenil. Contarán, ademais, coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa as funcións que desempeñe nos centros. En canto aos traballos que terán que levar a cabo son principalmente relacionados coa dinamización da residencia, incluídas actividades de biblioteca, informática, deporte e información xuvenil. E dentro destas últimas inclúese a de participar no programa Correspondentes xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Para solicitar unha praza as persoas interesadas contarán cun mes de prazo a partir de mañá mércores, 8 de agosto, e xunto coa inscrición deberán presentar un proxecto de actividades que pretenda realizar na residencia, así como presentarse a unha entrevista persoal. Para a adxudicación das prazas valórase a calidade do proxecto de actividades presentado; a renda media da unidade familiar; a condición de familia numerosa, de orfandade, discapacidade de calquera membro da unidade familiar; a distancia entre o domicilio e a residencia xuvenil; ter a residencia familiar en Galicia; ser muller en estado de xestación ou vítima de violencia de xénero ou persoa solicitante cuxa proxenitora a sufrise; outras circunstancias sociofamiliares como ter un ou unha irmá ou irmá/áns con praza renovada na residencia, ou ter a condición de familia monoparental; o rendemento académico; a condición de desempregado sen prestación económica do pai, nai ou titor legal; e ter sido residente na mesma residencia para a que se solicita a bolsa.
As residencias xuvenís son un instrumento ao servizo da mocidade e, en particular, dos mozos e mozas estudantes durante o curso académico, onde se ofrecen aloxamento e manutención, actividades convivencias e educativas a través das que se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos da mocidade residente e de calquera que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actuacións que se programen.
Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado de fomentar actividades xuvenís e favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos, e ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as tres residencias xuvenís
- Te recomendamos -