Inicio Galicia Cores Tourís analiza a situación do sector coa recentemente creada Asociación de...

Cores Tourís analiza a situación do sector coa recentemente creada Asociación de Construtores de Pontevedra

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo esta mañá unha xuntanza cos representantes da nova entidade que aglutina a máis de 1.500 traballadores deste eido

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo unha xuntanza esta mañá cos representantes da nova Asociación de Construtores de Pontevedra, na que se se analizou a situación do sector na provincia así como as iniciativas que permitan o seu crecemento e a creación de emprego.

Na reunión, Cores Tourís estivo acompañado do xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda en Pontevedra, José Luis Díez.

A Asociación de Construtores de Pontevedra (ACP) naceu o pasado mes de novembro e está conformada por 20 empresas da provincia que agrupan a máis de 1.500 traballadores. A súa finalidade é fortalecer o sector da construción, incentivando o seu desenvolvemento e crecemento, así como apostando pola xeración de emprego, para o cal consideran esencial manter unha interlocución constante e fluída entre o sector e as Administracións Públicas.

Neste senso, Cores Tourís recordoulle que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará este ano un investimento global duns 180 millóns de euros, cun incremento que pode acadar o 80 % grazas a actuacións estratéxicas. Cores Tourís explicou que se está a traballar de cara a licitación de actuacións prioritarias como a estación intermodal de Pontevedra ou a mellora da estrada de Alba, entre outras na cidade do Lérez, así como se seguen a desenvolver outras liñas da consellería como o Plan de reforzos de firme, o Plan de Sendas de Galicia ou a Estratexia para a eliminación de treitos de concentración de accidentes.

A execución destas actuacións será posible grazas a uns Orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda que en 2018 permitiron unha subida notable, un 16,5 % de aumento que supón 60 millóns de euros máis cos que se acadan os 424 millóns.

O delegado territorial recordou que tamén se investirá en obra pública relativa a Política Social, xa que está previsto que antes do final desta lexislatura, se constrúan sete residencias nas sete cidades galegas, o que suporá a creación de 900 prazas máis en centros de día sostidos con fondos públicos.

Outros exemplos que expuxo Cores Tourís foi o de Portos de Galicia que destinará este ano 13 millóns de euros a infraestruturas portuarias, un 90% máis que o ano anterior, apostándose tamén dende a administración pública pola renovación dos establecementos hosteleiros e a construción, ampliación e mellora de centros de saúde, ou a futura construción do Gran Montecelo. Completan esta lista de investimentos públicos diversas obras de mellora e reforma de centros educativos na provincia, así como nos xulgados e nas diversas infraestruturas municipais que poderán ser melloradas a través das diversas liñas de axudas aportadas dende as consellerías de Presidencia e Economía.

José Manuel Cores Tourís, rematou recordando que o Goberno galego leva varios anos de crecemento constante no que se refire á licitación de obra pública, chegando en 2017 a ser a Administración pública que máis actuacións contratou en Galicia, por riba do Estado, do conxunto dos concellos e das deputacións.  


- Te recomendamos -