O conselleiro de Cultura anunciouno esta mañá nunha reunión co presidente da Deputación de Ourense
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que o seu departamento vai crear o Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego, un galardón co que a Xunta de Galicia pretende fomentar a mellora do coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia desde a vertente do patrimonio cultural, ao tempo que se promove a investigación e a produción ensaística sobre esta materia en lingua galega. Así mesmo, este recoñecemento servirá para homenaxear a figura do ilustre intelectual ourensán, polígrafo, intérprete e investigador da xeografía, o territorio, a paisaxe e a cultura do país.
Román Rodríguez comunicou a creación do premio precisamente durante unha visita ao pazo familiar de Otero Pedrayo, o de Trasalba, auténtica catedral do galeguismo histórico de Galicia, onde se reuniu esta mañá co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a quen lle comunicou a posta en marcha deste galardón. Así mesmo, o conselleiro abordou co presidente do ente provincial os pormenores do convenio asinado entre ambas partes polo que a Deputación pon a disposición da Consellería a igrexa e o mosteiro de San Pedro de Rocas para a execución de diversas actuacións de conservación e restauración, así como para a redacción do Plan Director deste ben.
Orixinalidade e innovaciónO Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego estará dotado con 5.000 euros e recoñecerá textos inéditos escritos en galego conforme á normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de coñecemento sobre a paisaxe e patrimonio cultural de Galicia. Para outorgalo valorarase a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica e a calidade literaria do texto.
A primeira edición do galardón convocarase este mesmo ano e fallarase no 2019. Poderase presentar a el calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto sobre a devandita materia, con carácter divulgativo, e cunha extensión entre os 150.000 e 450.000 caracteres, incluíndo espazos.
San Pedro de RocasNo referido á igrexa e mosteiro de San Pedro de Rocas o conselleiro explicou que o convenio asinado coa Deputación vai permitir á Consellería ter ao seu dispor os inmobles e terreos que atinxen a este ben para executar nel un investimento de arredor de 360.000 euros.
A principal acción contemplada no programa de actuacións é a elaboración dun Plan Director para este monumento, que estaría listo en 2020. O obxectivo do Plan Director, que funciona como unha folla de ruta, é establecer o estado de conservación actual do ben e definir as liñas de actuación de cara ao futuro no eido da súa conservación e das propostas para o seu desenvolvemento sustentable de xeito compatible cos seus valores culturais e de identidade.
Para iso, o documento, recollerá os estudos e propostas de perspectiva histórica, arqueolóxica, de conservación e restauración dos elementos artísticos, arquitectónica e espacial do monumento e contorno e, por outra banda, a perspectiva da súa conservación e xestión. Deste xeito, describirá as características do monumento e as súas patoloxías construtivas e funcionais, definirá as condicións para o seu mantemento e restauración e analizará a súa potencialidade para o desenvolvemento dunha proposta de usos compatible cos seus valores culturais que permita a súa axeitada posta en valor ao tempo que o convertan nun referente social e económico na comarca e no conxunto da Ribeira Sacra.
O Plan Director inclúe tamén a redacción do proxecto arqueolóxico, do de actuacións urxentes e do de conservación e posta en valor. A execución de todas estas accións está tamén incluída no marco deste investimento da Consellería de arredor de 360.000 euros.
Así mesmo, nesta mesma programación inclúese a restauración das pinturas murais do arcosolio da igrexa, que foron obxecto de actuacións iniciais de conservación en 2017, co obxectivo de recuperar por completo a estabilidade das mesmas, cuxo estrato orixinal está executado ao fresco. Para iso realizaranse labores de eliminación de morteiros, consolidación de policromías e de limpeza e reparación das patoloxías de tipo biolóxico que afectan a este espazo.
Segundo explicou o conselleiro, o previsto é que o Plan Director, un documento moi exhaustivo que inclúe traballos arqueolóxicos, estea listo no ano 2020, aínda que a execución de todos os traballos previstos poderá estenderse ata o ano 2021. Román Rodríguez salientou a importancia destas actuacións tanto para a comarca como para a propia Ribeira Sacra, en cuxo corazón está situado San Pedro de Rocas, e, en concreto, para a candidatura a Patrimonio da Humanidade. Así mesmo, incidiu na necesidade de que un monumento como este conte cunha folla de ruta planificada, un Plan Director, en base ao que sustentar todas as actuacións que nel se realicen, así como os usos para os que sexa empregado, máis tendo en conta o crecente interese turístico da zona.
- Te recomendamos -