Inicio Galicia A AGASP ofertará no segundo semestre preto de 840 prazas para formación...

A AGASP ofertará no segundo semestre preto de 840 prazas para formación da Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estes plans de formación, que se centrarán en temas de relevancia como incendios, menores ou violencia de xénero

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ofertará durante o segundo semestre un total de 837 prazas para a formación dos cadros de persoal das forzas e corpos de seguridade.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os planes de formación continua para os próximos meses da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica. Deste xeito, consolídase a formación que se iniciou en 2015, tras a sinatura dun convenio neste sentido co Ministerio do Interior.

No caso da Policía Autonómica, ofertaranse 193 prazas en 10 cursos, entre os que destacan os de habilidade de comunicación nos centros escolares; menores; a investigación de incendios; ou violencia de xénero, delitos sexuais e delito de acoso.

O persoal da Garda Civil terá á súa disposición 434 prazas, distribuídas en 17 actividades formativas. Neste caso, destacarán cursos destinados ás medidas de prevención de incendios forestais; formación en materia de aduanas; lexislación marítima galega; ou habilitación para pilotar drons.

Xa por último, a AGASP habilitará 210 prazas destinadas á Policía Nacional, que contarán con 10 cursos sobre a actuación ante secuestros extorsións e incidentes con reféns; custodia de persoas; violencia de xéneros; ou tratamento policial de menores.

Cómpre recordar que a esta formación súmase a convocatoria, xa publicada no Diario Oficial de Galicia a finais do mes de xullo, destinada aos Policías Locais, con máis de 1.000 prazas e 54 cursos. 


- Te recomendamos -