O delegado territorial, José Manuel Balseiro, confirmou “a decidida aposta do Goberno galego por potenciar este concello da Montaña dinamizando a actividade económica”
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia “ten comprometidos a data de hoxe na Fonsagrada investimentos que suman 3,2 millóns de euros para executar no que resta de ano”.
Balseiro sinalou que este orzamento previsto confirma “a decidida aposta do Goberno galego por potenciar este concello da Montaña dinamizando a actividade económica”, potenciando o sector agropecuario pero tamén “os servizos turísticos, que medran vinculados ao Camiño Primitivo”.
O delegado lembrou que a declaración hai tres anos do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade “deu un novo pulo a esta ruta, e abriu novas oportunidades para o turismo neste municipio”.
De feito, Balseiro realizou estas declaracións no marco da visita ás obras dun novo hotel que se está construíndo na localidade e que recibe financiamento da Consellería do Medio Rural a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Este organismo subvenciona tamén a creación dun centro para peregrinos e o proxecto para un camping. As tres iniciativas turísticas suman apoios por importe de máis de 84.000 euros.
Igualmente, o concello da Fonsagrada recibe de Turismo de Galicia 13.500 euros para mellorar o aparcamento e a ruta da fervenza da Seimeira de Vilagocende, un dos paraxes máis visitados do municipio.
Polo que respecta ao sector primario, Balseiro explicou que constitúe o groso dos investimentos previstos: 467.000 euros para a actividade forestal -axudas para limpeza de montes, repoboación e obras de mellora da rede de cortalumes-, máis de 365.000 euros para a ampliación e mellora de industrias agroalimentarias, 174.000 euros a través dos plans de mellora e outros programas de apoio ás explotacións gandeiras, e preto de 1,5 millóns de euros en pagos da PAC.
O Goberno da Xunta tamén colabora co concello de Fonsagrada financiando a mellora de infraestruturas e servizos, como a rede de camiños municipais, achegando 47.500 euros; facilitando equipamento para emerxencias (56.000 euros), ou financiando a axuda no fogar para persoas en situación de dependencia cun orzamento de 179.000 euros.
Por citar outros compromisos, a Xunta achega preto de 88.500 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, 47.000 euros para a contratación de cinco traballadores que anteriormente estaban percibindo a Renda de Integración Social de Galicia (Risga), e case 191.000 euros do Fondo de Cooperación Local, que o concello pode destinar con liberdade a aquelas obras ou servizos que estime oportunas. Balseiro aclarou que “estamos a falar de investimentos xa confirmados, pero a cifra seguramente medrará a medida que se vaian concretando novas actuacións e resolvendo programas de axudas da Xunta nos vindeiros meses”.
- Te recomendamos -