Durante a redacción do proxecto deseñou un proceso construtivo co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, para que as afeccións polas obras que se poidan producir se realicen en horario nocturno
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda iniciará o vindeiro luns as obras de mellora da Ponte da Barca, entre Pontevedra e Poio, seguindo a programación prevista que permitirá rematar as obras en 2018 e que está programa para compatibilizar a intervención coa circulación de vehículos e peóns.
O departamento de infraestruturas da Xunta xa durante a redacción do proxecto deseñou un proceso construtivo co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, e as afeccións que se poidan producir pola execución das obras programaranse en horario nocturno.
Os primeiros traballos que se executarán centraranse no arco central, polo que estes non incidirán na circulación nin de vehículos nin de peóns, prevéndose tamén que durante as festas de Pontevedra no se produzan afeccións nocturna.
Na reunión mantida co concello, na que este pediu o peche ao tráfico da ponte, trasladóuselle que coa planificación prevista polo departamento de Infraestruturas da Xunta non se xustifica o peche da circulación de vehículos e peóns durante estas festas. Os traballos enmárcase na aposta que, desde o Goberno galego, se ven realizando para manter en perfectas condicións a rede de estradas de titularidade autonómica. Para isto, o Executivo autonómico realizou unha importante análise e revisou toda a estrutura ao longo do pasado ano, resultado de dito estudo é o proxecto que hoxe se presentou aos concellos beneficiados.
As actuacións suporán a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas; construirase unha nova estrutura de madeira, cun tratamento protector que estará especialmente deseñada para evitar a acumulación da auga e a cuberta será de aluminio para evitar un rápido deterioro e garantir a maior resistencia.
Nesta obra empregaranse materiais máis duradeiros e en perfecta sintonía co medio, dun xeito integrado coa paisaxe. Ademais, levaranse a cabo outras accións importantes para a conservación da propia ponte, para incrementar a súa vida útil, como o selado de fisuras; a mellora evacuación das augas; a reparación dos sumidoiros; ou o repintado da estrutura.
Así mesmo, iluminarase tanto a propia ponte como a estrada con proxectores led, que mellorarán a estética realzando a estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética e un aforro no consumo.
As actuacións que se van levar a cabo son resultado dunha minuciosa avaliación por parte de técnicos especialistas en ofrecer solucións duradeiras neste tipo de estruturas e coa utilización, ademais, de materiais tradicionais, materiais galegos, como pode ser a madeira.
As obras de reparación da Ponte da Barca, na estrada PO-531 foron adxudicadas á empresa Civis Global, S.
L.
U, cun prazo de execución de 5 meses, por un investimento de preto dun millón de euros.
- Te recomendamos -