Inicio Galicia A Xunta sinala o nivel de alerta de vaga de calor para...

A Xunta sinala o nivel de alerta de vaga de calor para 39 concellos galegos

0

Outros 12 concellos continúan en nivel de prealerta

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa dunha situación de alerta de vaga de calor en 39 municipios, outros 12 concellos continúan en nivel de prealerta.

Segundo informa Meteogalicia, para hoxe venres agárdanse valores de temperatura máxima iguais ou mesmo superiores aos acadados onte. Isto quere decir que novamente se superarán os 40ºC no Miño de Ourense e Pontevedra, sur de Lugo e Valdeorras. Ademáis, en moitos puntos do centro e sur da Comunidade as máximas superarán os 35ºC. Por outro lado esta pasada noite as temperaturas mínimas quedaron excepcionalmente altas, con valores que non baixaron dos 20ºC en moitas localidades.

As previsións manteñen esta masa de aire cálido coa mesma intensidade ata mañá sábado. O domingo comezaría un lixeiro descenso das temperaturas, pero moi probablemente se manteñan nalgunhas zonas os avisos.

Os concellos con nivel de risco 1B (alerta) son os seguintes: Carnota, Cee, Corcubión, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Cortegada, Lobios, Pontedeva, Vilamartín de Valdeorras, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal, Tomiño, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Cerdedo-Cotobade. Continúan en nivel 1A (prealerta): Aranga, Boimorto, Boiro, Irixoa, Mesía, Monfero, Oza-Cesuras, Folgoso do Courel, Muíños, Cerdedo, Forcarei e Agolada.

Sistemática de intervenciónO Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

RecomendaciónsSanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual. 


- Te recomendamos -