Inicio Galicia A Xunta aproba a autorización para a implantación do centro comercial Vialia...

A Xunta aproba a autorización para a implantación do centro comercial Vialia en Vigo

0

As futuras instalacións, que se emprazarán na estación intermodal da cidade viguesa, contarán con 53.681 metros cadrados de superficie comercial que será compatible cos usos ferroviarios e de autobuses

A Xunta acaba de dar luz verde á Autorización Comercial Autonómica (ACA) da superficie comercial que albergará a futura estación intermodal de Urzáiz, en Vigo. As futuras instalacións, que contarán con 53.681 metros cadrados de superficie, formarán parte do Centro Vialia deseñado por Thom Mayne para a cidade viguesa. Trátase, polo tanto, dun novo paso para que a estación intermodal sexa unha realidade. O centro comercial será compatible cos usos ferroviarios e de autobuses.

A autorización que hoxe se aproba tramítase no marco da Lei 3/2016 de proxectos de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese aprobada polo Goberno galego, que permitiu desenvolver as iniciativas máis relevantes para a cidade de Vigo mentres non se aproba un novo plan xeral. Esta normativa, impulsada pola Administración autonómica, tras a anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, está a evitar, polo tanto, que os proxectos estratéxicos da cidade queden bloqueados.

Esta normativa permite unificar nun único procedemento todas as autorizacións autonómicas necesarias para poñer en marcha tanto a estación intermodal como a superficie comercial. É, polo tanto, unha autorización única, que permite unha maior axilidade e simplificación administrativa para a posta en marcha deste proxecto.

Un dos plans estratéxicos para Vigo é o complexo da estación intermodal de Urzaiz, que comprende a actual terminal de ferrocarril, a futura estación de autobuses integrada e o Centro Vialia. A Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, a través do Adif, integraron o conxunto nun único proxecto para a súa tramitación na Xunta de Galicia a través da Lei 3/2016, coa fin de obter a autorización urbanística necesaria para a súa execución.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicou recentemente no Diario Oficial da Unión Europea o anuncio previo da próxima licitación da estación de autobuses intermodal de Vigo co obxectivo de acurtar os prazos legalmente previstos para o proceso de contratación dos traballos.

O Goberno galego prevé licitar as obras da nova estación de autobuses integrada na terminal de ferrocarril de Vigo en canto conte coa imprescindible aprobación urbanística, que se acadará a través da Lei autonómica prevista para proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Cómpre que o Ministerio de Fomento autorice tecnicamente eses accesos para poder incorporalos ao proxecto global e, desa forma, culminar a súa tramitación na Xunta como unha única actuación a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese.

Con esa aprobación será posible non só licitar as obras da estación de autobuses, senón tamén desenvolver os accesos e iniciar a execución do Centro Vialia.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitará as obras da estación de autobuses, nas que investirá preto de 14 millóns de euros.


- Te recomendamos -