A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe en Lugo unha xuntanza coa Federación Galega de Comercio para informarlle da resolución destes apoios
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe en Lugo un encontro coa Federación Galega de Comercio para poñer en marcha o Programa Social Commerce a través do que 103 comercios de Galicia obterán unha axuda para xestionar as súas redes sociais.
Vázquez informoulle á Federación que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver estas axudas que se enmarcan na convocatoria dirixida á dixitalización e modernización de empresas comerciais que, entre as súas actuacións, contempla un tícket para a xestión das redes sociais dos negocios.
Dos 103 comercios galegos, 45 están emprazados na provincia de Pontevedra; 9 na de Ourense; 25 na de Lugo; e 24 na provincia da Coruña.
O obxectivo desta iniciativa é, en palabras da directora xeral, potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.
A Xunta agarda con esta medida impulsar o comercio galego coa finalidade de potenciar un tecido comercial diverso, moderno, competitivo e de calidade; e adaptalo ás novas realidades co obxectivo de gañar en competividade. Do que se trata é de ofrecer un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Deste xeito, impúlsase entre o comercio a súa presenza na rede, a incorporación de ferramentas TIC de xestión e a mellora da loxística coa implantación do packaging axeitado.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano preto de 4,5 millóns de euros para a modernización e impulso do pequeno comercio. A través de tres iniciativas, entre as que se inclúe o programa Social Commerce, financiaranse proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais; e programas da competitividade.
- Te recomendamos -