Inicio Galicia Medio Ambiente chama á cidadanía e ás adegas a colaborar para reciclar...

Medio Ambiente chama á cidadanía e ás adegas a colaborar para reciclar o 100% do vidro na Festa do Albariño de Cambados

0

A directora xeral Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, participou esta mañá na presentación dunha campaña especial para fomentar a recollida deste tipo de envases durante a LXVI Festa do Albariño 2018

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, presentou hoxe unha nova campaña especial de recollida de vidro durante a LXVI Festa do Albariño en Cambados co obxectivo de tentar reciclar o 100% das botellas e doutros envases de vidro que se consuman neste evento.

A iniciativa, desenvolvida da man de Ecovidrio e en colaboración co Concello de Cambados, inclúe o dotación adicional de 15 novos contedores especiais, a entrega ás adegas dun cubo adaptado para almacenar o vidro que se vaia xerando e que será retirado a diario por un equipo de ecopatrullas, e a colocación dun posto informativo atendido por monitores especializados para concienciar aos asistentes. Por este motivo, María Cruz Ferreira apelou á sensibilización cidadá e ao apoio das adegas á campaña, confiando en que grazas a esta colaboración se poida acadar o obxectivo.

Coa campaña especial que se levará a cabo en Cambados estes días, a Consellería de Medio Ambiente e Ecovidrio aspiran a recuperar para o seu reciclado unhas 90.000 botellas, o que representa máis de 30 toneladas de vidro, e co que se contribúe á loita contra o cambio climático ao evitar as emisións de GEI na súa fabricación, aforrando tamén enerxía, evitando a extracción de materias primas da natureza e minimizando a erosión e a deforestación da nosa contorna.

Aposta polos eventos sustentablesIniciativas como a que se desenvolverá a partir de mañá en Cambados, enmárcanse dentro da aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pola sustentabilidade dos festexos que se celebran durante todo o verán en Galicia, unha boa ocasión para concienciar aos galegos sobre a necesidade de reciclar e manter condutas respectuosas co medio ambiente.

A intención, como explicou a directora xeral de Calidade Ambiental, é transformar estas festas en “eventos de baixo impacto ambiental”, na liña dos obxectivos e criterios de Nacións Unidas tales como reducir ao mínimo ás emisións de gases de efecto invernadoiro, minimizar o consumo de recursos naturais, protexer a biodiversidade e os recursos hídricos, evitar a produción de residuos e reciclar os que se xeren e sensibilizar á cidadanía dos beneficios da sustentabilidade desde os puntos de vista social, ambiental e económico.

Neste sentido, a Festa do Albariño de Cambados é un importante escaparate enoturístico, gastronómico e lúdico a nivel nacional, polo que cobra aínda máis importancia a imaxe que se proxecta cara ao exterior. Así mesmo, este tipo de festas multitudinarias representan unha gran oportunidade para a concienciación dos asistentes, promotores, hostaleiros, veciños e visitantes, reforzada ademais polo feito de que moitas das persoas que asisten son xente moza.

A reciclaxe de vidro en 2017Os datos de reciclaxe de vidro en Galicia no ano 2017 constatan un incremento do 5,5 por cento na recollida selectiva de envases de vidro respecto ao ano anterior. Este dato supón o maior aumento da recollida a través do contedor verde dos últimos cinco anos e sitúa a Galicia xa na media española e nunha boa posición respecto á ratio europea.

Cada galego reciclou 16,1 kg de residuos de envases de vidro, un quilo más que no ano anterior. Boa parte deste incremento débese á maior concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente reciclar.

Así mesmo, tamén tivo unha repercusión considerable nas cifras de reciclaxe o incremento dun 4% ao longo do 2017 do parque de colectores. Isto sitúa a Galicia como a terceira comunidade cun maior incremento na media de contedores respecto ás cifras de 2016 (só por detrás de Baleares e de Madrid) e contribúe en gran medida a facilitar aos cidadáns a achega destes envases de vidro para a súa reciclaxe posterior.

No caso concreto do Concello de Cambados, a progresión da recollida de envases de vidro tamén é moi positiva, incrementándose desde o ano 2014 en máis dun 17% e acadando en 2017 os 18,4 kg por habitante e ano, superior á media da provincia de Pontevedra (15,8 kg/hab) e tamén por riba da media galega (16,1 kg/hab).


- Te recomendamos -