Inicio Galicia A Xunta achega preto de 102.000 euros para a reconstrución da vivenda...

A Xunta achega preto de 102.000 euros para a reconstrución da vivenda danada no Pando (Cervantes) polos incendios forestais de outubro de 2017

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou esta tarde a marcha dos traballos que teñen como finalidade a reposición do único inmoble da provincia danado polas lapas


O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata a parroquia do Pando (Cereixedo) no municipio de Cervantes, para comprobar a evolución das obras de reconstrución da vivenda destruída como consecuencia dos incendios forestais acontecidos no mes de outubro de 2017.

Alí lembrou que estes traballos contan co apoio da Consellería de Infraestruturas e Vivenda que concedeu ao seu propietario unha axuda de preto de 102.000 euros para financiar a reconstrución e compensar a perda do enxoval doméstico.

Esta axuda forman parte do paquete de medidas urxentes aprobadas polo Goberno galego no Consello da Xunta nese mesmo mes, días despois de coñecerse os danos ocasionados polos lumes.

Balseiro tamén explicou que o propietario xa recibiu un anticipo de case 25.500 euros correspondentes ao 25% do total da subvención concedida, isto é, a contía máxima permitida legalmente. O resto dos pagos, ata completar a axuda, efectuaranse en dúas anualidades -2018 e 2019- logo da correspondente xustificación de gastos.

A contía subvencionada tamén chega ao límite máximo permitido xa que a vivenda destruída polas lapas constituía a residencia permanente e habitual do seu morador e inclúe gastos correspondentes á reposición das instalacións complementarias e anexas ao inmoble.

Balseiro tamén explicou que, de xeito complementario, a Xunta tamén concedeu unha axuda para o aloxamento provisional da persoa afectada polos incendios, que ten por obxecto colaborar co abono das mensualidades do aluguer da vivenda na que esta persa está residindo ata que poida volver ao seu fogar, ao remate das obras de reconstrución.

Cómpre lembrar que esta vivenda do Pando foi a única a provincia de Lugo que resultou danada pola vaga de incendios. As lapas destruíron todo o inmoble que agora está a ser obxecto de reconstrución.


- Te recomendamos -