O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Lugo na clausura das xornadas sobre formación na industria forestal onde puxo en valor a estratexia que a Xunta está a desenvolver neste eido
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo a importancia de apoiar a formación e a innovación na industria forestal para que se cree emprego cualificado e, deste xeito, se poida dar resposta ás necesidades do tecido produtivo, que neste ámbito representa o 1,8% do PIB galego e o 12% do emprego. Conde puxo en valor a capacidade que ten este sector para seguir xerando valor industrial en termos de produto diferenciado na primeira e segunda transformación na clausura das xornadas sobre formación na industria forestal, onde explicou tamén a planificación que a Xunta está a executar en materia de cualificación.
Así, indicou que a Estratexia de formación da industria forestal, consensuada coas asociacións representativas do ámbito forestal galego, prevé impulsar a especialización de máis de 5000 profesionais nos próximos dous anos e medio cunha oferta formativa á medida do que neste momento precisan as empresas. No marco desta folla de ruta, Conde expuxo que en próximas semanas convocaranse axudas que permitirán desenvolver 14 xornadas formativas e diferentes actuacións de divulgación que chegarán a máis de 600 persoas.
A dixitalización da industria, segundo apuntou o conselleiro, trae consigo novas ferramentas de traballo e novos perfís profesionais, polo que subliñou que o reto da Xunta é axudar ás empresas de toda a cadea produtiva a modernizarse, poñendo o foco na formación dos seus profesionais para que esta industria poida estar ao día das novas tendencias do mercado.
Do que se trata, en palabras de Conde, é de dar resposta á industria no eido das novas tecnoloxías apoiando, ademais, a súa modernización, innovación e internacionalización co obxectivo final de seguir xerando emprego de calidade vinculado ao medio rural.
No eido da modernización, o titular de Economía avanzou que a Administración Autonómica vén de resolver novas axudas que favorecerán a realización de investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos, cos que se mobilizarán proxectos por valor de 27,5 millóns de euros.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), concede, neste ámbito, axudas por máis de 8,1 millóns de euros que beneficiarán a un total de 87 pemes e autónomos, que realizarán investimentos centrados na adquisición de maquinaria e instalacións para a primeira transformación da madeira; equipos tractocargadores, autocargadores, procesadores e outros equipos de saca de madeira; e outra maquinaria forestal, ou equipamentos en infraestruturas.
As axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, contribuirán á consolidación das pequenas e medianas empresas que conforman este ámbito industrial, o que lles permitirá gañar en competitividade e apostar por novos procesos de produción. Estes apoios contribuirán, ademais, á creación de 84 postos de traballo nas empresas beneficiarias.
Impulso á innovaciónDe xeito complementario, Conde afirmou que en próximas datas convocaranse tamén as axudas destinadas a impulsar a innovación en procesos e produtos neste ámbito, que permitirán mobilizar investimentos por un importe de 3,6 millóns de euros. A través deste programa pioneiro, promoverase a xeración de valor en arredor de 24 pemes e microempresas da segunda transformación da madeira, carpintaría, fabricación de mobles e nas compañías do sector contract nos procesos que utilicen produtos forestais. En definitiva, o que o Goberno galego pretende con todas estas actuacións é apoiar con todos os seus recursos dispoñibles unha industria que representa a riqueza do rural galego e que é chave para acadar un monte máis produtivo e máis protexido. Galicia é a novena potencia forestal a nivel europeo representando a madeira aquí cortada o 50% do total nacional. O forestal, ademais, move arredor de 2000M€ anuais e emprega a máis de 70.000 persoas nunhas 3000 empresas que abranguen toda a cadea de valor. Ademais, Conde puxo en valor o seu papel crecente nas exportacións con máis de 800 millóns de euros.
- Te recomendamos -