Salienta que permitiría bonificar máis de 2 millóns de viaxes ao ano, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, e no que a Xunta achega o 70 %.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, apelou hoxe á “vontade política” do Concello de Pontevedra para que se sume á Xunta e aos 11 municipios da comarca que queren pór en marcha nesta área o Plan de transporte metropolitano. Trátase, sinalou dun “plan social” que permitiría bonificar máis de 2 millóns de viaxes ao ano, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, e no que a Xunta achega o 70 %.
Así o trasladou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda tras a xuntanza que hoxe presidiu, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, cos alcaldes de Barro, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa. Non asistiu á xuntanza ningún representante do Concello de Pontevedra, e faltaron tamén os alcaldes dos municipios de Campo Lameiro e Poio, que, sen embargo, xa manifestaran previamente a súa conformidade coa posta en marcha do Plan.
Vázquez Mourelle rexeitou que se “pretenda tildar de improvisación” un Plan que, segundo salientou, leva funcionado en Galicia 9 anos, no que o 99% dos concellos devecen por entrar, que está rexistrando un incremento de usuarios e que, no caso de Pontevedra leva estudándose en profundidade nos últimos anos.
Incidiu en que a “única nota discordante” para avanzar na implantación do Plan de Transporte Metropolitano na área de Pontevedra púxoa “curiosamente” o único alcalde que non asistiu hoxe á reunión. De feito, dixo, o Concello de Pontevedra foi o único concello que trasladou dúbidas ao borrador de texto de convenio que se entregou fai 3 meses a todos os concellos, e por iso tamén foi o único concello co que a Xunta mantivo reunións para explicarllo.
Ethel Vázquez manifestou a total disposición do Goberno galego a seguir dialogando para aclarar todas as reticencias sobre o Plan e manter novos encontros bilaterais.
Lembrou que a Xunta mantivo catro encontros para resolver as dúbidas do Concello de Pontevedra en torno á posta en marcha do Plan de transporte metropolitano, nas que se lle aclarou que o custe do transporte a Monteporreiro non subiría coa posta en marcha do Plan, que a lei é clara sobre a obriga que ten Pontevedra de ter transporte urbano, e o seu funcionamento.
O resultado do novo encontro co resto de concellos que están interesados pola implantación do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na área de Pontevedra, a conselleira explicou que houbo consenso e entendemento.
Vázquez Mourelle insistiu en que é unha iniciativa social da Xunta, que axuda ás economías das familias, xa que permite descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 € ós usuarios frecuentes. Ademais das bonificacións adicionais para usuarios frecuentes e familias numerosas, e a gratuidade do billete para os menores de 19 anos.
Na reunión tamén se abordaron os pasos que se seguen a dar desde a Xunta na segunda fase do Plan de Transporte Público de Galicia, habéndose reunido a día hoxe os técnicos da consellería coa maioría dos concellos desta área, e aproveitando as reunións bilaterais con todos os concellos para trasladar as necesidades de transporte dos seus veciños de xeito que as liñas poidan ser deseñadas en función delas.
- Te recomendamos -