Está previsto que ese recurso, que terá unha capacidade máxima de 40 prazas de centro de día e 24 residenciais, entre en servizo durante o mes de setembro
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, María Sol Díaz Mouteira, visitou hoxe con alcaldes -entre eles, o de Vilardevós, Manuel Cardoso Pérez-, concelleiros de Benestar e traballadores dos Servizos Sociais dos concellos de Verín, Monterrei, Oímbra, Cualedro, Laza, Castrelo do Val, Riós e A Gudiña, o novo centro para a atención aos maiores de Vilardevós, incluído na rede autonómica da Xunta de Galicia a través do Consorcio.
O recurso, que conta cunha capacidade máxima de 40 prazas de centro de día e 24 residenciais, ten unha extensión de 1.327 metros cadrados. A previsión do xerente do Consorcio é que o centro entre en servizo durante o mes de setembro, tendo en conta que xa está adxudicada a súa xestión. Como é habitual debido á tramitación dos expedientes dos potenciais usuarios, o centro botará andar de xeito gradual, neste caso, con 20 prazas de centro de día e 24 residenciais.
No encontro de hoxe, alcaldes, concelleiros e traballadores sociais coñeceron en persoa as dependencias do edificio no que se asenta o centro e recibiron información concreta -por parte de persoal técnico do Consorcio e da xefa territorial da Consellería de Política Social en Ourense- sobre como será o seu funcionamento. Sempre dende unha visión supra-municipal, a Xunta proxectou e executou ese centro para dar cobertura, non só aos veciños do propio municipio de Vilardevós, senón tamén aos dos concellos limítrofes ou próximos.
A Xunta de Galicia investiu no centro de maiores de Vilardevós un total de 1.611.767,61 euros, dos que 1.477.584,81 euros corresponderon á obra -incluíndo estudos previos, proxecto e dirección de obra- e 134.182,80 euros, ao equipamento e amoblamento das instalacións, xa completado. O Consorcio ultima agora co Concello de Vilardevós, que xa aprobou o convenio de colaboración entre ambas administracións para a xestión do centro, a coordinación dos últimos detalles para a posta en funcionamento deste servizo.
- Te recomendamos -