O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan Vieites, para abordar as perspectivas de futuro da industria mariña e alimentaria de Galicia. Conde ratificou o apoio da Administración Autonómica a este sector, un ámbito estratéxico para a economía galega, ao tempo que puxo en valor a aposta desta industria pola innovación para exportar a calidade galega a novos mercados.
Na xuntanza, entre outros temas, abordouse a necesidade de seguir impulsando a I+D+i neste ámbito e, neste senso, o titular de Economía sinalou que entre os retos do Goberno galego atópase a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento. O obxectivo é que centros de coñecemento e empresas poidan desenvolver unha estratexia de colaboración firme, buscar os socios axeitados, establecer canles de comunicación, aliñar procesos e responder de forma flexible ás demandas do mercado e da sociedade.
Outros asuntos da reunión foron as actuacións que en materia de internacionalización está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, ou a aposta da Xunta polos certificados de profesionalidade e pola formación á carta para adaptar os perfís profesionais ás demandas do tecido produtivo.
- Te recomendamos -