O obxectivo destas medidas provisionais é superar a situación derivada da anulación do PXOM municipal por unha sentencia ditada no ano 2016
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de formular o informe ambiental estratéxico sobre o instrumento de ordenación provisional de Abegondo que permitirá seguir avanzando no desenvolvemento urbanístico deste concello, cuxo PXOM foi anulado pola xustiza no ano 2016.
Na súa resolución, o departamento autonómico decide non someter o documento ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria ao considerar que non se producirán efectos significativos sobre o medio. En todo caso e co fin de favorecer a sustentabilidade da proposta, o Concello de Abegondo terá que integrar no instrumento de ordenación provisional unha serie de consideracións incluídas pola Consellería de Medio Ambiente no seu informe ambiental estratéxico, que se fará público a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da consellería nos próximos días.
A Xunta pon fin así á tramitación ambiental do instrumento de ordenación provisional do Concello de Abegondo, que en todo caso terá que ser aprobado polo concello antes da súa entrada en vigor.
Cómpre lembrar que o PXOM de Abegondo foi anulado en abril de 2016 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha decisión ratificada como firme no ano 2017 polo Supremo e que na práctica deixou a este concello coruñés sen unha figura de planeamento xeral e sometido ás normas subsidiarias e complementarias provincias de 1991.
Na busca dunha maior seguridade xurídica, a Xunta introduciu na Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación dos orzamentos de 2017 unha serie de instrumentos de ordenación urbanística de carácter provisional para ofrecer unha solución legal transitoria aos concellos con planeamentos anulados por sentencia.
Así, a través deste tipo de medidas, os concellos poden manter viva a ordenación de determinados ámbitos do planeamento anulado co fin de evitar a paralización da actividade económica e empresarial correspondente e permitir que estas zonas sigan evolucionando urbanisticamente.
Convenio de colaboración para o novo PXOMCómpre lembrar que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, asinaron hai uns meses un convenio de colaboración para a redacción do novo PXOM, por un importe de 151.826 euros.
O obxectivo é que o documento poida estar aprobado antes de que remate a actual lexislatura, xa que a Lei 2/2016 do Solo de Galicia permite axilizar considerablemente a tramitación dos planeamentos urbanísticos de forma que, unha vez contratada a redacción do PXOM, estímase un prazo de 24 meses para chegar á súa aprobación definitiva.
A Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción de plans municipais co fin de que os concellos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento urbanístico.
No marco destas competencias inclúense as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación do plan urbanístico. Así, no caso de Abegondo, o Goberno galego asumirá o financiamento do 100 por cen xa que, tal e como recollen as normas de financiamento aplicables a estes convenios, prevese que ao tratarse dun concello de menos de 5.000 habitantes, a Xunta financie a totalidade da redacción do PXOM.
- Te recomendamos -