Inicio Galicia A Xunta propicia a inserción laboral da xuventude en localidades rurais a...

A Xunta propicia a inserción laboral da xuventude en localidades rurais a través do proxecto Emprural

0

Están a participar 62 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, coñeceu de primeira man o proxecto empresarial Sport Moda no que está a realizar as súas prácticas formativas unha moza participante no proxecto ‘Emprural: mozos e mozas con proxecto’, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social orientada especialmente ao emprendemento e autoemprego da xuventude, aproveitando as oportunidades das zonas rurais.

Cecilia Vázquez sinalou que “os mozos e mozas que participan en proxectos de educación non formal, como é o caso do programa Emprural, melloran o seu capital social grazas ao establecemento de contactos que poden ser útiles en termos de empregabilidade”. Ademais, apuntou que “incrementan o seu capital humano de modo acorde ao desenvolvemento de competencias transversais como habilidades comunicativas, a adaptabilidade, o traballo en equipo e as habilidades interculturais; ao tempo que aumentan o seu capital psicolóxico, ampliando así o abano de posibilidades de inserción laboral”.

Emprural ten como finalidade facilitar á mocidade a súa orientación profesional e futura inserción sociolaboral en comarcas locais, ofrecéndolle apoio e acompañamento profesionalizado no proceso de elaboración e materialización dos seus proxectos nos eidos profesional (emprego/empresa), persoal (motivación, habilidades sociais) e social (cooperación, voluntariado, reciprocidade).

Nesta iniciativa están a participar 62 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar. Destas 62 persoas beneficiarias, 58 realizarán estadías formativas entre os meses de xullo a setembro en empresas de distintos sectores: gandeiro, vacún leiteiro, lácteo- queixeiro, ovino, canino, agrobótica, xenética, xardinería, cunicultura, equino, deseño de moda e comercio, entre outros.

A titular do departamento autonómico manifestou que “nun panorama caracterizado polo emerxente discurso da experiencia, segundo o cal os empregadores valoran máis outras experiencias de vida vinculadas á adquisición de habilidades transversais, a educación non formal xoga un papel fundamental na empregabilidade e o desenvolvemento dos mozos e mozas”. Nesta liña engadiu que “as políticas máis innovadoras en materia de xuventude teñen como nexo de unión a educación non formal como instrumento de mellora das competencias e habilidades das persoas mozas e como complemento na súa traxectoria persoal e formativa”.

Os principais obxectivos do proxecto Emprural son crear novas oportunidades de emprego e emprendemento para a mocidade; e, simultaneamente, dinamizar as zonas do rural nas que se desenvolve esta iniciativa. Búscase, polo tanto, aproveitar as vantaxes das áreas rurais, que “posúen uns recursos propios e diferenciados, que se deben explotar para xerar novas oportunidades de emprego e de negocio”, subliñou Cecilia Vázquez.

ObxectivosTrátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cuxos principais obxectivos son axudar aos mozos e mozas a coñecer e valorizar máis e mellor o territorio rural e descubrir as oportunidades que este lles ofrece no eido profesional e social e impulsar a aprendizaxe pola práctica, aplicando a metodoloxía da alternancia e a colaboración co tecido empresarial.

Así mesmo outras vantaxes deste proxecto é que presta apoio e seguimento tanto individualizado como grupal aos proxectos de emprego ou de carácter social xerados, garantindo a súa consolidación no territorio, ao tempo que fomenta a introdución da innovación no marco dos itinerarios de inserción sociolaboral, baseada fundamentalmente na aplicación das TIC na xestión empresarial, comercial e social. A través de Emprural tamén se promove a autonomía e o empoderamento da xuventude no rural, como actores sociais dos seus territorios para favorecer a súa promoción persoal e social, así coma a súa incorporación a redes de partenariado no territorio.

En canto ás actividades, o proxecto divídese en seis bloques. A primeira fase foi a inscrición e a formación de grupos de traballo, durante a primeira quincena do mes de marzo. A segunda denominada ‘Safari de emprego nos territorios’ durou de tres meses -de abril a xuño-. Con sesións dun día á semana, esta actividade constou de dúas partes: sesións teóricas de traballo en grupo nos centros onde se impartiron, sitos en Carballo, Curtis e Melide; e sesións prácticas grupais e individuais, con saídas ao territorio e visitas a iniciativas empresariais locais de referencia.

A terceira actividade é a formación para a inserción, cunha duración de dous meses -de maio a xuño- adaptada ás necesidades do grupo. Inclúe formación básica sobre a xestión da actividade comercial e empresarial; e formación específica, á demanda dos participantes (loxística, comunicación, busca activa de emprego,..). As sesións baseáronse na metodoloxía da aprendizaxe pola práctica.

Formación en empresasA formación na empresa é a cuarta actividade, que se desenvolverá entre os meses de xullo a setembro. Trátase de estadías de formación en empresas do sector de interese de cada participante, fomentando a aprendizaxe pola práctica e o contacto continuo coa realidade empresarial. As estadías por participante serán entre dúas e seis semanas.

Outra das actividades do proxecto é a titorización e seguimento individual. Dou comezo no mes de maio e desenvolverase durante toda a execución do proxecto que rematará en outubro. Simultaneamente ao longo da execución das outras fases do proxecto, daranse reunións individualizadas con cada participante para o seguimento do seu itinerario de inserción e a articulación de medidas adaptadas a cada caso.

A captura de proxectos será a actividade final, cunha duración dun mes e que terá lugar en outubro. Trátase da fase de conclusións, na que os mozos e mozas terán de xeito individual: acadada experiencia laboral nos sectores de interese; identificados nichos de emprego no territorio; elaborado un plan de mellora da súa empregabilidade; identificadas as necesidades de formación que precisen; e, no seu caso, asinados contratos laborais ou lanzadas iniciativas profesionais.

Neste proxecto tres son as metodoloxías de intervención: safari, alternancia e mentoring. ‘Safari’ en canto que no marco dos grupos de traballo deséñanse rutas para explorar recursos e descubrir necesidades e oportunidades que presenta o territorio, para capturar ideas e proxectos a desenvolver. ‘Alternancia’ en canto que os mozos e mozas participan dunha aprendizaxe pola práctica, alternando estadías na empresa con períodos de traballo individual e colaborativo, atendendo as súas necesidades no marco dun itinerario personalizado. E ‘mentoring’ en canto se da unha titorización e seguimento individualizado do itinerario de inserción laboral e social de cada participante. 


- Te recomendamos -