Galicia é un gran pórtico. A recuperación do Pórtico da Gloria axuda a recuperar unha idea esencial para entender o ser do noso país. O Mestre Mateo recolle un sentimento latente da Galicia do seu tempo e trasládao ata nós a través dos séculos.
Hai na súa obra unha alegoría en pedra da galeguidade que non perde vixencia. Tanto os observadores eruditos como os profanos destacan que as figuras da obra magna do románico non son estáticas, senón que posúen un dinamismo conmovedor. Falan entre elas, míranse, manteñen un intenso diálogo como se fosen sorprendidas nun faladoiro ou nun primitivo parlamento.
A moi poucos metros do Pórtico da Gloria, no Pazo de Xelmírez, abriuse en 1981 o Pórtico político da Galicia que debería participar coa súa propia voz no concerto da democracia española.
Aquela primeira Cámara autonómica elixiría un presidente que, como foi recordado, acaba de dicirnos adeus en datas recentes, deixando unha lembranza de gratitude en todos os galegos sen distinción de ideoloxías.
Xerardo Fernández Albor teimou por facer do autogoberno unha casa común, confortable, grata, amable e capaz de adaptarse aos cambios. Quixo que a terra que recuperaba a liberdade dialogase consigo mesma e cos demais pobos de España, de Europa e do mundo, igual que as figuras do Pórtico da Catedral que lle dan a benvida aos peregrinos.
A Galicia dos nosos días está realizando moitos soños, e faino sen sacrificar a súa fraternidade, nin establecer divisións, nin excluír a ninguén.
Para ir erguendo esa patria soñada, os galegos non tivemos que pagar ningún tributo oneroso en forma de discordia social, porque fomos quen de elaborar un patriotismo afectivo que non necesita reforzarse con inimizades.
Persoeiros como o presidente Fernández Albor souberon trasladar a irmandade natural da sociedade galega ás institucións, de tal maneira que o noso modelo democrático bebe nas mesmas fontes históricas que todas as democracias representativas, e, ao mesmo tempo, inspírase no espírito comunitario tradicional do noso pobo.
Aquela “República dos soños” que, segundo lembra a escritora Nélida Piñón, os galegos buscaban alén do mar, xa podemos construíla entre nós. Aquel “país de palabras” que Carlos Casares evocaba en moitas das súas páxinas e conversas, está presente na Galicia de hoxe. Soños e palabras son o grande arsenal que posúe a nosa cidadanía, e que nos capacita para estar no mundo. Non temos nin precisamos soños nin palabras prestadas, senón palabras e soños que nacen aquí e nos proxectan fóra dos nosos lindeiros.
Señoras e señores. Ben poderiamos asociar a Constitución con outro Pórtico que enmarca o conxunto das nosas liberdades.
Son galegos de nacemento, exercicio, vocación ou experiencia, e en todos eles alenta o sentido común que María Emilia Casas ten sinalado en varias ocasións como o noso selo distintivo, xunto con outra característica que ela denomina “respecto” e que ten percibido mesmo “na máis pequena das nosas aldeas”. Un respecto que, lonxe de supoñer distancia, é un requisito básico da democracia.
Non sempre houbo respecto e sentido común na historia constitucional española. Juan José González Rivas e outros autores firmaron unha certeira reflexión sobre o que chaman el constitucionalismo frustrado.
Non son poucas as frustracións constitucionais sufridas por España da man de constitucións que resultaron frustradas e tamén frustrantes, debido que a se concibían, elaboraban e promulgaban “contra” alguén, como se fosen unha prolongación sutil ou expresa da loita partidaria.
Eran, en suma, constitucións dunha parte de España que, en consecuencia, nacían mortas e estériles para organizar e harmonizar a convivencia. Nelas había vencedores e vencidos, mentres que a Carta Magna de 1978 nace dunha “suma de renuncias”, por recorrer a unha feliz expresión de Álvaro Rodriguez Bereijo.
Como se ve, as palabras dos homenaxeados deste Día de Galicia de 2018 seguen a ser unha inspiración de máxima actualidade, pero se son dignos de recibir a máxima distinción da nosa terra é tamén polos seus feitos.
Estes tres fillos de Galicia dirixiron o Tribunal Constitucional máis do 30 por cento da súa historia e cómpre agradecérllelo porque, coa súa profesionalidade, co seu espírito de Xustiza, non só representaron a nosa terra nunha das súas institucións máis importantes senón que tamén a protexeron. Velando polo cumprimento da Constitución, da que emana o noso Estatuto, protexeron o noso autogoberno.
Velaí a achega fundamental da idea democrática, que modifica enteiramente os marcos de convivencia que rexeran ata entón. Con ela, as vitorias e as derrotas pasan a ser provisionais. Nin a vitoria capacita para apropiarse das institucións, nin a derrota supón quedar á marxe delas, nunha especie de exilio interior.
Atrás queda a asociación do Estado cun individuo, clase ou ideoloxía. O gobernante é un mero inquilino do Estado que ten o deber de preservalo e rexelo de acordo cun contrato plasmado na Constitución. De aí que sexa capital a tarefa do Tribunal Constitucional, e especialmente dos presidentes como María Emilia Casas Baamonde, Juan José González Rivas e Álvaro Rodriguez Bereijo.
O Pórtico da Gloria é de todos; dos que habitamos este momento da historia, dos que nos precederon nos séculos pasados, e tamén de aqueles que vivirán no futuro. Sabemos que o monumento estará aí cando sexamos un recordo, e que establecerá un vencello entre nós e os homes e mulleres do mañá.
Sucede algo semellante coa democracia e a Autonomía consagradas na Constitución. Responden a anhelos afastados, e sentímonos comprometidos coa súa preservación dinámica porque desexamos que os españois e galegos do futuro as desfruten. Por iso, cando a Constitución se defende contra diferentes ameazas, estase defendendo a todos os que quixeron, queren e quererán vivir en liberdade.
Nin os valores artísticos que expresa o Pórtico, nin os principios que recolle a Constitución son alleos á necesidade de posibles melloras e adaptacións. A recuperación do vello esplendor das figuras do Mestre Mateo, que non fai máis que destacar a concepción orixinal, pode ser un excelente modelo para futuras actualizacións do texto constitucional. Ao redor do Pórtico houbo acordo entre especialistas, cooperación institucional, visión a longo prazo, un obxectivo claro e, sobre todo, houbo sosego. Velaí pautas que poden ser aproveitadas no Pórtico constitucional.
O Pórtico demóstranos que o vigor dun símbolo non se mide en anos, senón na vixencia daquilo que simboliza. Evidencia tamén que a rixidez e a solidez non son sinónimos, senón que para que algo sexa resistente e perdurable precisa da flexibilidade necesaria para ser válido baixo diferentes circunstancias.
Señoras, señores, ilustres premiados coa Medalla de Ouro de Galicia. O patriotismo afectivo que distingue os galegos é un compendio de sentimentos.
Sentímonos vencellados ao que está máis preto de nós, a persoas, paisaxes e vivencias. Sentímonos habitantes dunha lingua que ten, depositada en palabras, lembranzas antigas. Sentímonos partícipes dun empeño común no que todos temos algo importante que achegar. E tamén compartimos o orgullo, o orgullo de contar cun Estatuto de Autonomía e unha Constitución que nos consagra como cidadáns libres. O noso patriotismo é ademais patriotismo constitucional e patriotismo autonómico.É ese un sentimento que xa forma parte do acervo colectivo dos galegos: unha identidade concibida para integrar, non para dividir; unha identidade que non nace do enfrontamento interno nin externo, senón desde e cara á concordia.
Os galegos non nos limitamos a asumir a Constitución, senón que traballamos para que a Constitución asumise a nosa esencia. A Constitución está impregnada tamén dun constitucionalismo galego.
Non só porque os “pais” galegos da Carta Magna, como o presidente Fraga ou o recentemente falecido profesor Meilán Gil, actuaron como emisarios da visión colectiva do noso pobo.
Non só porque o pobo ratificou o texto coa maioría propia de quen se ve recollido nel. Tamén porque os galegos defendemos a Constitución desde as diferentes institucións do Estado, tanto a nivel nacional como a nivel autonómico. Defender a Constitución é defender o conxunto de España, pero tamén defender a Constitución é defender Galicia, a súa identidade propia e a súa Autonomía e o seu autogoberno para participar nos asuntos de España.
Por iso, os maxistrados que recoñecemos hoxe merecen tamén un recoñecemento dos galegos porque, co seu papel, protexen o compromiso constitucional do noso pobo, que é o seu pobo.
Señoras e señores. O Pórtico da Gloria, que será o grande estandarte do Xacobeo do 2021, exhibe unha recobrada policromía. Así vemos os galegos Galicia, España e Europa: polícromas, complexas, pero á súa vez integradas nun conxunto de beleza e harmonía únicas. Sumando as pezas e poñendo en valor con técnicas actuais as cores que sempre brillaron, é como reverdece o diálogo que iniciaron hai moitos séculos as figuras do Mestre Mateo.
Como cada 24 de xullo, é obrigado ter un recordo, como xa se tivo aquí, para todas as vítimas do accidente de Angrois ocorrido hai cinco anos. Aquela fatídica xornada cambiou a historia do Día de Galicia, que deixou de ser un día exclusivamente de celebración. Tanto o cambiou que mesmo cambiou o día de entrega das Medallas de Galicia, que pasaron a entregarseGalicia seguirá tendo presente as vítimas de Angrois e non se sentirá reconfortada ata que o traballo xudicial remate e aclare que pasou e cales foron todas as causas do fatídico accidente.
- Te recomendamos -