Este encontro deportivo e de ocio contará coa presenza de entidades ONG Mitrata Nepal España, Cruz Roja, Asotrame, Humana e a Asociación de mulleres rurais
Ferrol, 23 de xullo de 2018.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acudiu á presentación de Equiocio 2018 celebrada no faro do Cabo Prior, un evento de carácter deportivo e de ocio para toda a familia que se celebrará na parroquia ferrolá de Covas desde o xoves 2 de agosto ata o domingo 5.
Durante a súa intervención, Rey Varela destacou a importancia que ten para o deporte galego este evento que “conxuga ocio, cultura, turismo e potenciación da cidade”.
O evento oferta un amplo programa de actividades e de opcións de ocio que ademais, teñen unha cara solidaria xa que os beneficios dalgunhas das actividades irán destinados á ONG Mitrata Nepal España. Ademais, celebrarase unha segunda edición do trial solidario que terá a Cruz Roja como beneficiario.
Dentro deste evento, destaca a existencia dun espazo para as entidades sociais, de xeito que todo aquel que visite Equiocio poderán coñecer de primeira man as accións e o traballo que realizan en favor da integración das persoas que máis precisan do apoio das administracións e da sociedade. Ademais das entidades xa mencionadas, terán presenza en Equiocio Asotrame, Humana e a Asociación de mulleres rurais. “Agradezo un ano máis a existencia deste espazo, que contribúe ao obxectivo de non deixar a ninguén desprotexido e á concienciación social”, afirmou Rey Varela.
O conselleiro tamén felicitou á organización polo compromiso do certame co medioambiente. De feito, no pasado mes de xuño celebraron o I Foro Ferrolterra Sustentable coa finalidade de que empresas e entidades da comarca abordasen medidas e propostas para unha xestión respectuosa coa contorna. Foi un lugar de encontro e intercambio de experiencias que permitiu facer unha posta en común entre diferentes axentes en prol dun crecemento e desenvolvemento sustentable. Ademais, a organización traballa para que Equiocio xere o menor impacto posible no medio ambiente e en recuperar e converter a zona que colinda co evento.
Por último, Rey Varela destacou a implicación das entidades e empresas que colaboran no desenvolvemento de Equiocio 2018, ao tempo que recoñeceu o traballo que veñen facendo desde hai tempo os organizadores por mellorar en cada edición este evento.
- Te recomendamos -