O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comunicou que o proxecto conta cunha achega de Turismo de Galicia próxima aos 39.500 euros
A Xunta achega 39.454,11 euros ao Concello da Pobra do Brollón para acometer o proxecto de mellora da accesibilidade e da sinalización da Ruta da Castaña e do Mel. Así o explicou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, quen precisou que esta axuda concédese no marco do programa de Turismo de Galicia dirixido a entidades locais para fomentar a mellora de infraestruturas turísticas no medio rural.
Esta subvención permitirá executar un proxecto que está orientado a realizar melloras en accesos que se atopan en mal estado e supoñen un posible risco para os camiñantes, así como a renovar a sinalización existente e cambiala por outra que cumpra coas disposicións do manual oficial de sinalización turística da Xunta e no manual de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo. En concreto, preténdese colocar 98 sinais, ademais de frechas indicativas do camiño e paneis informativos. As actuacións están valoradas en 60.698,63 euros.
Turismo de Galicia financia mediante esta liña de axudas actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade e a sinalización de recursos como miradoiros, praias, fervenzas, bens integrantes do patrimonio cultural, sendeiros e outras infraestruturas de interese turístico.
Balseiro subliñou que deste xeito, o Goberno galego reafirma o seu compromiso de colaborar cos concellos na mellora das súas infraestruturas e recursos e segue a traballar co obxectivo de impulsar a diversificación da actividade económica na zona rural, potenciando os seus valores naturais, ecolóxicos, paisaxísticos e culturais.
- Te recomendamos -