Preto de 40 persoas participaron nesta experiencia formativa e de convivencia que impulsou a axenda cultural de Santiago con varios concertos abertos ao público
O concerto do alumnado púxolle o ramo ao XIV Encontro Galego de Saxofón que tivo lugar desde o pasado luns e ata hoxe en Santiago de Compostela. Músicos de recoñecido prestixio nacional e internacional, como Marie Bernadette Charrier, Hilomi Sakaguchi, Paula Gago ou o Fukio Saxophone Quartet foron os encargados de darlles clase aos estudantes durante estes días.
A Factoría Galega do Saxofón, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, organizou o encontro que reuniu a preto de 40 persoas arredor da música do saxofón. Trátase dun dos cursos dedicados a este instrumento máis lonxevos do país e nel participan estudantes, sobre todo de Galicia, pero tamén de Asturias, País Vasco e Navarra.
Compostela FestiSaxEste Encontro Galego de Saxofón, que pecha a súa décimo cuarta edición, foi tamén unha oportunidade para ampliar a oferta cultural musical do verán, que lle permitiu ao público achegarse á música da man dos grandes profesionais deste instrumento e do seu alumnado máis avantaxado.
O encontro contou con dúas partes diferenciadas, a lectiva e a dos concertos, coñecida como Compostela FestiSax. Así, ao longo da semana, os profesores do Encontro ofreceron un concerto de música contemporánea, no que colaboraron saxofonistas locais como Diego García, Rocío Hermida ou Javier Comesaña. Ademais, o Fukio Saxophone Quartet celebrou na Igrexa da Universidade un concerto de temática máis clásica. O mesmo lugar alberga hoxe o concerto de clausura, no que participa todo o alumnado e co que se lle porá o ramo a esta edición do encontro.
Formación e difusión musicalCo fin de favorecer a formación musical e a difusión dos novos talentos, a Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con diversas propostas que se desenvolven en varios puntos da comunidade galega. Así, canda o Encontro Galego de Saxofón, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo colabora con iniciativas como o Festival Peregrinos Musicais, o Festival Hércules Brass ou o Campamento Agolada Musical 3.0, entre outros.
- Te recomendamos -