Os mozos e mozas participantes realizan tarefas de acompañamento a persoas maiores e fan intervencións nos invernadoiros e xardíns municipais dentro do programa ‘Horas xeracionais’
Un grupo de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos están a participar nun programa de voluntariado interxeracional como unha actividade máis das que levan a cabo no campo de traballo que se está a celebrar na Serra de Outes ao abeiro da Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta maña a estes rapaces e rapazas que desde o pasado martes e ata o vindeiro día 28 compartirán experiencias neste campo de temática medioambiental e social.
En concreto, as persoas participantes realizan tarefas de acompañamento con persoas maiores, e ademais están implicadas no programa ‘Hortas xeracionais’ onde fan intervencións nos invernadoiros e xardíns municipais xunto con persoas maiores xa xubiladas, así como coa mocidade da zona. Así mesmo, e tendo en conta a importancia patrimonial da paraxe natural onde se sitúa esta acción de verán: o estuario do Tambre, os mozos e mozas levan a cabo actuacións de carácter medioambiental como o acondicionamento da ruta do Añón coa súa sinalización, limpeza de vexetación e dinamización da ruta. Ademais, ocúpanse da visualización da ruta natural coas novas tecnoloxías. A programación do campo complétase con actividades complementarias de lecer e tempo libre como kaiak, mergullo con propulsor, remo en táboa, tiro con arco, xogos de xeolocalización ou unha excursión a Santiago de Compostela, entre outras.
A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar, neste caso, o benestar das persoas maiores e a nosa privilexiada contorna medioambiental”.
Nesta liña, apuntou que este tipo de actividades “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.
A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen á disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.
Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.
- Te recomendamos -