O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE explicou perante a Comisión de Desenvolvemento Rexional do Consello Económico e Social a proposta de orzamento para a UE para os vindeiros sete anos
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou perante a Comisión de Desenvolvemento Rexional do Consello Económico e Social a proposta de orzamento para a Unión Europea para os vindeiros sete anos.
Na súa intervención, Jesús Gamallo, salientou ás especificidades da actual proposta de Marco Financeiro Plurianual da Comisión Europea, a primeira que contempla o Brexit, co conseguinte cese da aportación británica aos presupostos da Unión, pero que aumenta o investimento en eidos que a Comisión considera prioritarios: un 60% o investimento en investigación, innovación e economía dixital; un 120% o investimento en xuventude; un 70%, en medio ambiente e clima; un 160%, en migración e fronteiras; un 80% en seguridade e un 30% en acción exterior.
No que se refire á política de cohesión, o director xeral destacou que España é un dos países nos que as asignacións aumentan respecto ao período anterior (+5%), o que deberá traducirse positivamente en Galicia. Lembrou que nos últimos anos Galicia sumouse a diferentes iniciativas como a Alianza pola Cohesión e recolleu tanto no seu propio documento de posicionamento como no común co resto de CC.
AA. a necesidade de manter esta política para todas as rexións.
En canto aos aspectos máis específicos relativos á aplicación da política de cohesión, Gamallo tamén se referiu, por unha banda, ao aumento das taxas de cofinanciación no novo MFP, o que implicará que os gobernos autonómicos deban dedicar máis recursos propios a cofinanciar os futuros programas FEDER e FSE. Por outra banda, demandou que as rexións non se vexan penalizadas polos incumprimentos sobre déficit dos gobernos nacionais, xa que xa están sometidas a importantes restricións orzamentarias, tanto ou máis que a Administración Central. No caso de Galicia, sempre se defendeu, lembrou, que, ante unha eventual suspensión de fondos por incumprimento do déficit – algo que a punto estivo de suceder en 2016- quedasen excluídos os fondos destinados ás rexións que si respectasen os criterios de déficit, como era o noso caso.
De xeito específico, Gamallo incidiu na preocupación desta Comunidade Autónoma polo cambio demográfico e á necesidade de que a política rexional axude a facerlle fronte. Galicia, e en particular as dúas provincias do interior (Lugo e Ourense), é unha das rexións máis envellecidas da UE. Para que esta tendencia demográfica non agrave aínda máis as diferenzas entre rexións, a política de cohesión debe desempeñar un papel fundamental que permita garantir a prestación de servizos públicos esenciais e o desenvolvemento de infraestruturas de calidade.
O director xeral trasladou estas demandas e reflexións á comisión de desenvolvemento rexional do CES, explicando que o debate continúa aberto e que espera que o CES contribúa a achegar á UE as demandas e necesidades de Galicia nesta etapa da negociación, que, previsiblemente, debería rematar antes das eleccións ao Parlamento Europeo, o vindeiro mes de maio de 2019.
- Te recomendamos -