A directora da axencia pública e o director da Corporación asinaron hoxe un convenio para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo
O Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pon en marcha unha das súas primeiras actuacións, a colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo.
O acordo asinado hoxe pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o director da CRTVG, Alfonso Sánchez, contempla un orzamento total de 2.430.000 euros ata o 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
ActuaciónsDentro das actuacións a realizar, está previsto a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática. Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC. Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc… para ser consumidos nelas.
Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.
Compra Pública InnovadoraEstas solucións desenvolveranse a través do sistema de compra pública innovadora. O seguinte paso do procedemento será a publicación nos vindeiros días publicación dunha resolución conxunta da Amtega e a CRTVG coa que se abrirá o período de consultas preliminares ao mercado.
Durante o mes de setembro está prevista a celebración dun workshop no que as empresas interesadas en presentar proxectos poderán realizar consultas aos técnicos da Amtega e a CRTVG que lles explicarán as necesidades que buscan satisfacer con estas iniciativas.
Unha vez finalizada esta fase de consulta definiranse os proxectos concretos e abrirase o período de licitacións públicas para obter a solución tecnolóxica que mellor responda as necesidades expostasPlan DICO MindsetEstas iniciativas en colaboración coa CRTVG son un dos proxectos tractores impulsados desde a Administración autonómica no marco do DICO Mindset para dar resposta a demandas concretas e ter, tamén un efecto de estímulo para o sector.
Esta estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Ademais, está previsto crear un centro de xeración de contidos educativos innovadores e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.
Orzamento do PlanA execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.
- Te recomendamos -