As especies recollidas no catálogo supoñen máis da metade das recoñecidas en toda España
Galicia vén de culminar a catalogación dun total de 6.381 especies mariñas no Inventario da biodiversidade mariña de Galicia – Proxecto LEMGAL. Trátase dunha publicación que recolle todas as especies coñecidas nas augas da nosa comunidade, desde a desembocadura do río Miño ata a do Eo e desde a zona intermareal ata a abisal, engadindo tamén a montaña submariña do banco de Galicia.
Tendo en conta que nas augas españolas existen unhas 11.000 especies recoñecidas, podemos concluír que Galicia alberga nas súas augas máis da metade delas, o que pon de manifesto a riqueza e a complexidade dos ecosistemas mariños galegos e da necesidade de seguilas estudando e conservando para as xeracións futuras.
O inventario, presentado hoxe no Centro de Investigacións Mariñas de Corón (CIMA), é froito dun traballo exhaustivo e minucioso de 85 investigadores deste centro, das tres universidades galegas, doutras nacionais e internacionais e tamén do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía.
Durante a presentación desta publicación, editada e financiada pola Consellería do Mar, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, felicitou aos autores e organismos implicados na súa elaboración. Ademais sinalou que a publicación constitúe un exemplo de investigación que “permite que poidamos ser máis eficientes na protección dos hábitats mariños e na conservación dos seus recursos”.
Neste aspecto, puxo de relevo o labor do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e do propio CIMA polo labor investigador que realizan, centrado en acadar unha xestión racional e eficiente dos recursos mariños. A maiores, eloxiou o gran traballo que se realiza en Galicia no descubrimento de novas especies e o seu potencial neste ámbito.
- Te recomendamos -