Inicio Galicia O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura do XIV curso...

O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura do XIV curso de verán 'Traballando na calidade da lingua'

0

O encontro formativo, que acolle hoxe e mañá o Fórum Carballo, conta coa colaboración do seu departamento no marco do convenio asinado coa UDC

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa hoxe á mañá no concello coruñés de Carballo no acto de apertura do XIV Curso de Verán “Traballando na calidade da lingua”, que apoia o seu departamento no marco do convenio asinado coa Universidade da Coruña (UDC) e que este ano se centra na calidade no uso da lingua, tanto na escrita coma na oralidade, desde os diferentes ámbitos sociais.

Durante a súa intervención, o secretario xeral fixo fincapé na “importancia e na necesidade de potenciarmos o uso dunha lingua de calidade que redunde directamente na vitalidade e no prestixio social do idioma”.

Acompañaron no acto a Valentín García o reitor da UDC, Julio Abalde; o rexedor municipal, Evencio Ferrero; a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) desta universidade, Marisol Ríos; a presidenta da Coordinadora de Traballador/as de Normalización da Lingua (CTNL), Anxos Sobriño; e o director do curso, Xosé Manuel Sánchez Rei.

Metodoloxías, ferramentas e experiencias a prol dunha lingua de calidadeO XIV Curso e Verán “Traballando na calidade da lingua” desenvolverase no Fórum Carballo, coa participación de persoas que traballan ou que están interesadas na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua galega, nomeadamente estudantado, persoal técnico de normalización, docentes, membros de asociacións ou xestores e animadores socioculturais.

A nova edición céntrase na calidade do uso da lingua, en como potenciala e nas ferramentas para transmitila desde diversos ámbitos (ensino, tradución, Administración ou TIC), a través de sesións de palestras, mesas redondas e obradoiros prácticos nos que se analizarán cuestións fonéticas, gramaticais, fraseolóxicas, textuais etc. que inciden nunha lingua galega de calidade tanto nos usos orais coma nos escritos. Para alén diso, o programa tamén inclúe sesións destinadas a reparar na importancia dun galego de calidade nos medios audiovisuais en xeral e no ámbito do humor en particular.

O programa completo pódese consultar no web do SNL da UDC https://www.udc.es/gl/novas/XIV-Curso-de-Veran-Traballando-na-Calidade-da-Lingua/.

Apoio á formaciónPor medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia accións formativas para o persoal técnico que traballa no ámbito da normalización lingüística.

Os convenios de colaboración con institucións e colectivos profesionais permiten desenvolver, a canda este XIV Curso de Verán “Traballando na calidade da lingua”, outras iniciativas como as Xornadas sobre lingua e usos que tamén organiza a UDC, os Encontros para a normalización lingüística do Consello da Cultura Galega ou os cursos de formación organizados pola CTNL. 


- Te recomendamos -