A principal actuación contempla o arranxo da cuberta, co obxectivo de evitar a entrada de auga e filtracións para solucionar así os problemas detectados de humidades
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vén de dar o visto e prace ás obras de reparación na escola infantil de O Porriño-Torneiros cun investimento de 37.77,53 euros.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar informou favorablemente sobre as intervencións de mellora propostas polo Concello do Porriño para este centro pertencente á rede “Galiña Azul”, co obxectivo de arranxar as deficiencias detectadas, especialmente de filtracións da cuberta.
Tras unha primeira proposta do Concello de O Porriño, en marzo de 2018 cuns traballos presupostados en algo máis de 11.400 euros, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar instou á alcaldesa a elaborar unha actuación máis ambiciosa na que se abordasen todas as necesidades do centro.
Dita proposta tivo entrada no Rexistro da Xunta o pasado 29 de xuño e unha vez analizada pola unidade técnica do Consorcio acordouse a súa aprobación, xa notificada ao Concello porriñés, que será o encargado de levar a cabo a actuación.
Así, os traballos contemplan reparacións nas cubertas, petos, caleiros, lucernarios, chemineas, baixantes e cerramentos para evitar a entrada de auga e filtracións de humidade desde o exterior. Asemade, repararase un pequeno muro de contención de terras agretado, na esquina noroeste do xardín de xogos, e varias cancelas e peches metálicos no interior e exterior do centro que resultaron fortemente afectados pola corrosión.
No xardín exterior proxéctanse melloras nos xogos e bambáns, e no interior proxéctase a reparación do mobiliario de cociña, moi deteriorado polos anos.
Esta actuación será financiada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar mediante a correspondente compensación das liquidacións que anualmente ten que aboar o Concello a este organismo, tal e como se recolle no acordo marco asinado pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
- Te recomendamos -