Inicio Galicia Jonathan Coe faise co XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago

Jonathan Coe faise co XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago

0

A súa obra ‘Expo 58’ impúxose ás dos outros catro finalistas: Manuel Rivas, Juan Gómez-Jurado, Clara Usón e John Banville


O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Casino de Santiago, Ubaldo Rueda, anunciaron hoxe en rolda de prensa celebrada na sede do Casino o nome da obra gañadora da XIII edición do Premio Novela Europea promovido por esta institución compostelá co patrocinio de El Corte Inglés e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase de “Expo 58”, do escritor Jonathan Coe, quen se impuxo coa súa novela ás outras catro finalistas: “O último día de Terranova”, de Manuel Rivas; “Cicatriz”, de Juan Gómez-Jurado; “Valor”, de Clara Usón e “A guitarra azul”, de John Banville. O autor xa gañara no 2003 o IX Premio Literario San Clemente pola obra “O club dos canallas”.

Valentín García quixo lembrar que “o gran valor deste premio é que se trata en boa medida dun recoñecemento directo dos lectores e lectoras, de toda unha cidade que se converte en xurado que recoñece o traballo dun autor ou autora europeos”. O secretario xeral tivo tamén palabras de agradecemento ao Casino de Santiago por esta iniciativa que promove a lectura e o espírito europeísta.

Xurado amplo e diversoO xurado do XIII Premio Novela Europea Casino de Santiago estivo composto por tres seccións que debían elixir a obra gañador entre unha das cinco novelas da Unión Europea previamente seleccionadas por unha comisión de expertos. A sección A, cun peso do 30% na decisión final, intégrana todos os residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do 20%, inclúe todos os socios do Casino e a sección C, cun peso do 50%, está formada por representantes de distintos estamentos da cidade, entre os que se encontra a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Esta mañá, unha hora antes da rolda de prensa en que se anunciou a resolución do premio, reuniuse a sección C do xurado para emitir o seu voto, abrir as urnas en que votaron as seccións A e B e facer o reconto total que deu como novela gañadora “Expo 58”, do británico Jonathan Coe. 


- Te recomendamos -