Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural aprobou 14 solicitudes de axudas á apicultura...

A Consellería do Medio Rural aprobou 14 solicitudes de axudas á apicultura por un orzamento total superior aos 600.000 euros

0

Estas achegas, cuxa resolución sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura


Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de adxudicación das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural para a apicultura, cun total de 14 beneficiarios por un importe total de 603.738 euros. A convocatoria destas axudas fíxose en réxime de concorrencia competitiva, establecendo unha serie de criterios obxectivos para puntuar as solicitudes.

Precisamente esta convocatoria foi consensuada coas organizacións apícolas de Galicia, recollendo e incorporando as súas achegas, para mellorar ou seus contidos. O orzamento está cofinanciado a través dos Fondos Europeos Agrícolas de Garantía (Feaga) nun 50%, nun 25% pola Xunta e noutro 25% polo Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.

Os beneficiarios son dende particulares a agrupacións ou colectivos que son titulares dunha explotación apícola inscrita no rexistro oficial. Entre os requisitos establecidos na orde, estaba o de ter que realizar polo menos un tratamento contra a varroase e dispoñer dun seguro de responsabilidade civil, entre outros.

Estas axudas teñen como obxectivo mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. Así, dispoñen de catro liñas diferentes: para asistencia técnica (só para colectivos), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola.


- Te recomendamos -