Contará cunha superficie construída de 4.300 m2, o que suporá un incremento de preto de 1.800 m2 respecto do centro actual
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licita hoxe o proxecto de construción do novo centro de saúde de Narón (A Coruña). O orzamento previsto é de 5.476.294 euros e o prazo máximo de execución, unha vez adxudicada a obra, é de 19 meses.
O novo centro de saúde de Narón situarase nunha parcela de 6.142 m2 cedida polo Concello ao Sergas e terá unha superficie construída de preto de 4.300 m2, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.
O edificio, que tamén albergará o Punto de Atención Continuada (PAC), constará de dúas plantas e un semisoto nos que se distribuirán os diferentes espazos. Atenderá a unha poboación de 35.000 tarxetas sanitarias no centro de saúde e preto de 45.000 no PAC.
As instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 2 de farmacia, un despacho para o traballador social, unha sala de toma de mostras, 2 salas de técnicas, 4 salas polivalentes e 4 de consultas de docencia. Na área pediátrica haberá 4 consultas de pediatría e 3 para enfermería pediátrica. Na área da muller o proxecto contempla unha consulta para matrona, unha sala de educación sanitaria e unha consulta para o programa da muller. Na zona dedicada a urxencias, disporá dunha consulta de odontoloxía, unha para hixienista, una para fisioterapia, un ximnasio e unha sala de reunións. Na área de persoal haberá despachos para coordinación administrativa, sala de estar, arquivo e sala de xuntas.
As empresas interesadas en participar deberán presentar as súas ofertas, en sobre pechado, ben no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ben por correo postal. O prazo máximo para que os licitadores poidan presentar as súas proposicións rematará o vindeiro 13 de agosto, ás 14:00 horas. Os pregos do concurso público poden consultarse na plataforma de contratos públicos de Galicia, a través do seguinte enlace: https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?N=367029
- Te recomendamos -