Inicio Galicia Medio Rural cede ao Concello de Riotorto 27 predios da parcelaria da...

Medio Rural cede ao Concello de Riotorto 27 predios da parcelaria da Órrea-Galegos para fins socioculturais

0

A cesión faise consonte á normativa vixente e permitirá ao municipio lugués dispoñer de terreos sobrantes da zona para depósitos de madeira, aparcadoiro ou para unha escola, entre outros fins

A Consellería do Medio Rural vén de aprobar a cesión ao concello de Riotorto (Lugo) dun total de 27 predios correspondentes a terras sobrantes da zona de reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos.

Case a metade destes terreos –14 en total– serán utilizados como depósitos de madeira. O resto teñen diferentes fins e usos sociais e culturais, que van desde a utilización como campo da festa ou aparcadoiro ata depósitos de plásticos, para unha escola en Galegos ou para contorno das fontes públicas.

A decisión de ceder estas parcelas adoptouse a proposta da Xunta Local da zona e tendo en conta a normativa ao respecto, en particular o establecido pola Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), contemplándose que os destinos para os cales se solicitan estes predios encaixan perfectamente cos supostos recollidos na lexislación. Os terreos cedidos causan baixa no fondo de terras da zona.

Datos da parcelariaA reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos abrangue unha superficie de 1.269 hectáreas, correspondentes a 496 propietarios. A redución de predios pasa dos máis de 9.000 a arredor de 1.400. Os investimentos nesta zona por parte da Consellería do Medio Rural ascenden a case tres millóns de euros.


- Te recomendamos -