Mercedes Rodríguez explicou que o ano pasado foron parar ao sector bateeiro 2,1 millóns de euros do importe total destas achegas, que foi de 2,8 millóns de euros
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lembrou hoxe no Parlamento que os produtores de mexillón recibiron o 75% das subvencións convocadas o ano pasado para investimentos produtivos en acuicultura. A este sector, explicou, foron parar 2,1 millóns de euros do importe total das axudas, que foi de 2,8 millóns de euros. Así o sinalou en resposta a unha pregunta relacionada coas medidas da Xunta para potenciar o cultivo de mexillón na que tamén lembrou que esta tendencia é a mesma que a de anos anteriores. De feito, no ano 2016, do total dos 1,7 millóns concedidos para investimentos produtivos en acuicultura, máis do 80% foron para o sector bateeiro, expuxo Mercedes Rodríguez.
Ademais, a directora xeral explicou que nestes momentos se está a resolver a convocatoria de 2018 e que “é previsible que o número de proxectos aprobados vinculados co sector do mexillón supere ao resto de especies acuícolas”. Á convocatoria de 2018 para apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura, a Xunta destina preto de 18,7 millóns de euros.
A posta a disposición destas axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), é unha mostra da aposta e o apoio da Consellería do Mar ao sector do mexillón. Un sector, subliñou a directora xeral, que representa arredor de dous terzos do valor da produción acuícola galega e que configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras que xeran uns 400 millóns de euros de facturación. Esta facturación, engadiu, supón o 30% da facturación das sociedades mercantís dos concellos do litoral e ademais os 10.000 empregos que xera o sector mitilicultor representan o 25% do emprego total nalgúns concellos do litoral.
En canto aos retos que debe afrontar este sector, Mercedes Rodríguez, sinalou que “hai conceptos que deben estar presentes na cultura empresarial desde a extracción para o consumidor”. Entre eles citou a trazabilidade, a seguridade alimentaria, o coñecemento da orixe do produto, o aporte de maior valor engadido, o respecto medioambiental e a sustentabilidade.
- Te recomendamos -