Inicio Galicia Anxo Lorenzo e Valentín García analizan nunha mesa redonda a traxectoria do...

Anxo Lorenzo e Valentín García analizan nunha mesa redonda a traxectoria do Centro Ramón Piñeiro

0

Interviñeron na sección “25 anos do Centro Ramón Piñeiro: unha visión desde os seus responsables políticos” incluída na xornada O Centro Ramón Piñeiro: a súa creación e importancia examinadas desde ámbitos distintos


Os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, interviñeron esta mañá no Pazo de San Roque na segunda das xornadas con que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) está celebrando un cuarto de século de existencia: ‘O Centro Ramón Piñeiro: a súa creación e importancia examinadas desde ámbitos distintos’. Fixérono na mesa redonda “25 anos do Centro Ramón Piñeiro: unha visión desde os seus responsables políticos”, moderada polo coordinador científico do CRPIH, Manuel González, na que participaron a canda outras dúas persoas que, coma eles, asumiron nalgún momento a responsabilidade de dirixir a Secretaría Xeral de Política Lingüística e, a canda esta, o centro de investigación dependente da dita secretaría: Xesús Pablo González Moreiras e Marisol López Martínez.

Valentín García recoñeceu que “lle tocou dirixir o Centro Ramón Piñeiro nun momento doce: o da recollida dos resultados de 25 anos de traballo serio e ben feito”. O actual secretario xeral de Política Lingüística agradeceu, neste sentido, o esforzo de todos os profesores e bolseiros que a fixeron posible e explicou que “o recoñecemento e a valoración que alcanzou o CRPIH traducíronse, entre outras cousas, na confianza dos relevantes investigadores que no último ano nos fixeron depositarios dos seus legados”. García Gómez identificou tamén novos retos, “algúns derivados da necesidade de adaptarse aos cambios en investigación que se producen fóra dos nosos muros e outros internos, derivados da xubilación de directores de proxectos que nos acompañaran desde a creación do centro, e que afortunadamente seguen colaborando co Piñeiro”.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo puxo de relevo a importancia do Centro Ramón Piñeiro na “formación lingüística, literaria e en humanidades” da nosa comunidade e destacou a “investigación de calidade” que vén realizando este organismo desde a súa creación, da que se cumpre un cuarto de século e que se pode comprobar de xeito certo “polos ambiciosos proxectos que desenvolve, así como polas súas publicacións”.

Diferentes visións do CRPIHA xornada abriuna o debuxante, ilustrador, escritor e xornalista Siro López, quen presentou a súa visión de Ramón Piñeiro, o intelectual galeguista que lle dá nome ao centro de investigación da Xunta. A continuación, o coordinador científico do CIRPH fixo unha semblanza de Constantino García, primeiro lingüista que coordinou o Piñeiro, á que seguiu a intervención de Juan Piñeiro Permuy, o ex-conselleiro responsable da creación do centro de investigación. A seguir, a mesa redonda “A posta en marcha e a vida do Centro a través dos seus investigadores” na que participaron Mercedes Brea, Marisol López, Xesús Ferro, Francisco Gondar, Modesto Hermida, Ana Blanca Roig, Anxo Tarrío e Armando Requeixo.

Tras a mesa na que interviñeron catro dos secretarios xerais, os asistentes visitaron unha exposición das publicacións realizadas polo Piñeiro nos seus 25 anos de historia e das mostras dos legados recibidos para a súa custodia e estudo, que se poderá visitar no claustro do Pazo de San Roque durante esta semana. Pola tarde, as mesas redondas continuarán presentando a visión dos bolseiros e bolseiras (con intervención de Rut Losada, Xesús Mosquera, Teresa Monteagudo, Isabel Soto, X. Xabier Ron, Montserrat Muriano e Tania de Dios) e mais do persoal de administración (Juan Porrúa, Manuel Anxo Castro, Ruth Otero e María Carme Nieves).25 aniversario do Ramón PiñeiroA de hoxe é a xornada central dos actos conmemorativos con motivo do 25 aniversario do CRPIH, que inclúen tamén a conferencia inaugural celebrada en marzo, a exposición arriba mencionada e outras tres xornadas. O programa completo de actividades e as follas de inscrición están dispoñibles no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a terminoloxía ou a recuperación de publicacións literarias.


- Te recomendamos -