A nosa comunidade obtén case o 30% do total de fondos estatais, respondendo así ao peso que mantén como primeira autonomía no vacún de leite dentro de España
Galicia continúa liderando o ranking nacional no reparto de axudas de rendemento leiteiro que realiza o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Así, este ano a nosa comunidade recibirá por este concepto 431.356 euros, o que representa case o 30% do total dos fondos estatais, respondendo así ao peso que Galicia mantén como primeira autonomía no vacún de leite dentro de España.
Xa a bastante distancia de Galicia sitúanse Castela e León, que recibirá algo máis de 310.000 euros por este concepto, Castela A Mancha, que se beneficiará dunha achega que supera os 179.000 euros, e Asturias, comunidade á que lle corresponderán arredor de 110.000 euros.
O reparto foi aprobado no seo da Conferencia Sectorial de Agricultura á que asistiu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. A distribución faise en función das lactacións finalizadas en control leiteiro de cada unha das comunidades autónomas do Estado.
No caso galego, ao longo de 2017 rexistráronse un total de 130.714 lactacións válidas, distribuíndose 3,30 euros por cada unha de elas. Deste xeito, Galicia percibirá no 2018 uns 2.000 euros máis por este concepto que no exercicio de 2017, o que representa un incremento de case medio punto en relación coa anualidade anterior.
- Te recomendamos -