A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia está analizando a evolución da maduración de cada unha das variedades para determinar o momento óptimo para a súa vendima e os tempos de maceración da uva en frío necesarios para obter unha extracción da cor máis idónea
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, organiza hoxe e o vindeiro venres catas de rosados nos seus centros de Leiro (Ourense) e Ribadumia (Pontevedra) para estudar así o potencial das variedades autóctonas na elaboración destes viños.
A actividade consiste nunha valoración organoléptica completa de 10 micro-vinificacións de variedades tintas autóctonas elaboradas en rosado e encádrase dentro do abano de accións que este centro desenvolve ao abeiro do Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao Agro Galego 2018, convocado anualmente pola Consellería do Medio Rural.
Este estudo e experimentación desenvólvese dende hai dous anos na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia e ten por obxecto validar as técnicas de elaboración das variedades tintas para a obtención de viños rosados, así como mostrar o potencial organoléptico das nosas variedades autóctonas. Nas elaboracións feitas na Evega estudouse a evolución da maduración de cada unha das variedades para determinar o momento óptimo para a súa vendima e os tempos de maceración da uva en frío necesarios para obter unha extracción da cor máis idónea.
Nas catas programadas valóranse os monovarietais elaborados con variedades tintas de caíño tinto, espadeiro, mencía, brancellao, sousón, pedral, castañal, loureiro tinto, merenzao e mouratón. Nestas catas participan 15 expertos que pertencen basicamente aos paneis das cinco denominacións de orixe galegas e ao mundo da comunicación, sendo os responsables de definir nas fichas de cata a cor, os descritores aromáticos e o equilibrio gustativo detectados.
Compromiso polo I+D+iCon accións deste tipo, a Evega mantén o seu compromiso co rural galego a través da investigación, a formación, o I+D+i e a transferencia de coñecementos como alicerces necesarios na xeración de novas oportunidades para o sector vitivinícola galego. Estes traballos procuran unha posta en valor das nosas castes autóctonas e abren novas posibilidades comerciais para as elaboracións en Galicia.
- Te recomendamos -