Inicio Galicia FEST Galicia fai parada esta semana en Viveiro para desenvolver accións de...

FEST Galicia fai parada esta semana en Viveiro para desenvolver accións de sostibilidade social e ambiental no Resurrection Fest

0

Levaranse a cabo distintas campañas divulgativas en colaboración cos departamentos de Igualdade, Medio Ambiente, Política Lingüística e Xuventude da Xunta de Galicia


O Resurrection Fest, o máis grande e internacional de todos os festivais galegos, abre hoxe a súa edición número 13 cunha destacada presenza na súa programación de FEST Galicia, a marca creada pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. No caso concreto do macrofestival de Viveiro, FEST Galicia está presente cunha serie de accións transversais enfocadas sobre todo a dinamizar actitudes de respecto social e ambiental, que se desenvolverán en varios ámbitos do evento e no espazo propio da marca, onde confluirán as actividades e campañas de distintos departamentos autonómicos.

Así, en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, póñense a disposición do festival monitores e monitoras especializados en eventos sostibles para divulgación de diversos contidos. Ademais, xestiónase a través de Ecoembes o servizo de contedores para a reciclaxe e recollida de residuos.

O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións da primeira temporada FEST Galicia, co que se apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres aos equipos de traballo. En colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, tamén se difundirá a campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual, que ten como obxectivo principal promover espazos seguros para as mulleres en grandes eventos. Dentro do espazo de FEST Galicia no Resurrection, persoas expertas estarán informando sobre como actuar ou a quen acudir en caso de agresións, mediante a comunicación do Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber. Ademais, o sábado 14, de 17,00 a 19,00 h., desenvolverase un taller para estampar camisetas serigrafiadas co lema da campaña, que as persoas participantes poderán personalizar con emoticonos.

O galego crea ambienteA política lingüística é outro dos ámbitos nos que se está a traballar. A lingua, como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura, a paisaxe ou o medio ambiente, é un dos alicerces do desenvolvemento sustentable que persegue FEST Galicia. Así, no Resurrection Fest e nos outros nove festivais adheridos á marca, desenvolverase a campaña O galego crea ambiente, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co obxectivo de dinamizar o noso idioma propio entre a mocidade, sensibilizando e fomentando unha actitude respectuosa co medio. Esta iniciativa entronca medio ambiente con lingua como valores patrimoniais imprescindibles que son necesarios coñecer e valorar. Por iso, transmite unha dobre mensaxe e convida á xuventude a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo en galego. Dentro do Resurrection Fest, o xoves 12 de 17,00 a 20,00 h., un responsable técnico dará a coñecer o Plan de Dinamización da Lingua Galega e realizará entrevistas para recoller ideas sobre actuacións que poidan favorecer o uso da lingua galega. O comunicador Víctor Grande estará no espazo de FEST Galicia a cargo desta acción e gravando vídeos selfies coas achegas das mozas e mozos.

O programa de FEST Galicia no Resurrection tamén contempla actividades especificamente dirixidas á mocidade, a través da promoción do Carné Xove e dos programas que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Estas accións desenvolveranse o venres 13, entre as 18,30 e as 20,30 h. FEST Galicia dá soporte tamén ao escenario 3, denominado Chaos Stage, onde actuarán algunhas das bandas galegas programadas no festival.

Medición de impactoAdemais, o de Viveiro é un dos cinco festivais nos que FEST Galicia realizará estudos de impacto co fin de obter datos sobre o seu retorno directo, indirecto e inducido. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove e elaborar un manual de boas prácticas que sirva de guía para todos os festivais.

En estreita relación con esta medida, desenvolverase a medio prazo un selo a modo de distintivo para recoñecer e darlles visibilidade os grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade. A posta en marcha de FEST Galicia implicará, asemade, a elaboración dun plan estratéxico para este importante sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes. En paralelo, a marca seguirá traballando para establecer alianzas con outras entidades encamiñadas a dinamizar a proxección exterior do noso sector musical. A finalidade será a busca de intercambios de espazos de programación para que os grupos e artistas galegos teñan plataformas de seu en festivais doutros territorios.

FEST Galicia botou a andar a mediados de xuño, tras meses de conversas co sector e logo dunha convocatoria pública, como un proxecto transversal para sumar estratexias e accións que reforcen o apoio que xa se lles está brindado aos festivais mediante a convocatoria anual de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da que este ano 12 encontros son beneficiarios dun total de 280.000 euros, entre eles, o Resurrection Fest con 47.093,54 euros.

Eventos FEST GaliciaNesta primeira campaña, están adheridos a FEST Galicia 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización. A través deles, FEST Galicia vai ser promovida dentro e fóra da nosa Comunidade a través dun plan de comunicación que contempla accións a curto, medio e longo prazo, como a realización de presentacións conxuntas baixo este paraugas que engloba, ademais do Resurrection Fest, a PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival.

Nesta primeira fase, a que corresponde á presente temporada de festivais de verán 2018, a marca terá presenza en todos os eventos asociados a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un destes encontros musicais e coa colaboración directa doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.


- Te recomendamos -