Estes aspectos de cara o futuro fondo aparecen recollidos no ditame sobre o esta ferramenta financeira despois de 2020, liderado por Galicia co presidente da Xunta á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR)
Galicia volverá dar voz ao sector para reforzar a defensa dun novo fondo europeo de financiamento pesqueiro simplificado e adaptado á nosa realidade a través dos representantes do Pleno do Consello Galego de Pesca. Así o explicou esta tarde no Parlamento a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a comparecencia realizada a petición propia para dar conta das demandas da comunidade autónoma galega en relación a esta ferramenta de financiamento.
A titular de Mar fixo fincapé na importancia de fortalecer os argumentos de Galicia en relación ao fondo para defendelos en Europa. Por iso, sinalou “queremos conformar, se o Pleno do Consello Galego de Pesca o acepta, un grupo de traballo co sector”. Deste xeito, “darémoslle voz de novo para que sume inquedanzas”. Unhas propostas, engadiu, “que quero traer a este Parlamento no vindeiro período de sesións para o seu coñecemento e debate”.
A necesidade de dar continuidade a un fondo específico para a pesca, o marisqueo e a acuicultura, simplificado e adaptado aparece recollida no ditame sobre o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca despois de 2020, liderado por Galicia co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo á cabeza e por encargo do Comité Europeo das Rexións (CdR). Alí, explicou Rosa Quintana, foi aprobado no mes de maio por unanimidade das 350 rexións e concellos europeos que conforman o seu pleno.
Neste documento, Galicia tamén fai fincapé na importancia de sumar as sinerxías que ofrecen outros fondos, como o Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE).
En canto aos obxectivos do fondo, a conselleira do Mar deu conta de cinco prioridades, “que son fundamentais para avanzar e mellorar no futuro”. Unha delas é a de atender o relevo xeracional, baseando no apoio en cuestións como a formación e a calidade de vida a bordo dos buques pesqueiros. A segunda clave é a de centrar apoios na adecuación do esforzo pesqueiro. A terceira prioridade está enfocada ao apoio da mellora da organización e o reforzo do espírito de colectividade dos bens comúns que hai no mar e nas costas, de cara a mellorar a súa xestión e explotación.
En cuarto lugar está a prioridade dirixida a afrontar o sostemento dunha transformación competitiva, de forma especial fronte á presión foránea. Por último, a quinta prioridade é dar continuidade e expansión do apoio á diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais. É dicir, reforzar as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.
En relación á posta en práctica do fondo, o ditame liderado por Galicia define o apoio público en forma de subvención como a mellor opción debido a que garante o control do destino e aplicación das cantidades económicas sobre algo concreto. Tamén porque xera efecto dinamizador directo sobre a economía, estimula as iniciativas en cuestións radicadas nos obxectivos da Política Común de Pesca, xera confianza e asegura a obtención de financiamento. A titular de Mar expuxo que Galicia defende a necesidade de recuperar as axudas a empresas de alto volume de emprego ou facturación, xa que a súa capacidade de impulso en materias como I+D+i pode ser perdida por falta de axudas.
No eido da dimensión internacional do fondo, un dos distintos aspectos que defende Galicia é o de ter en conta o brexit no futuro fondo financeiro. Este proceso, lembrou Rosa Quintana, “é un desafío pero tamén pode ser unha oportunidade”. Neste sentido, sinalou que o novo FEMP debe asumir e tratar de corrixir “aqueles puntos débiles que poidan darse como consecuencia de preservar a unidade da Europa pesqueira”.
Algúns destes aspectos básicos como o de manter un fondo específico, o da simplificación e o das subvencións como principal ferramenta de financiamento, coinciden coa primeira proposta presentada pola Comisión Europea a principios de xuño en relación ao novo período do fondo europeo marítimo e de pesca 2020-2027. Así o explicou a conselleira, que tamén fixo fincapé na importancia de “atender e verificar que aqueles aspectos negativos ou non recollidos retomen mellor rumbo e sexan acaídos aos nosos intereses”.
Ditame liderado por GaliciaOs aspectos de defensa do ditame do “FEMP despois de 2020”, liderado por Galicia e aprobado por unanimidade no CdR, parte dunha proposta galega mantida desde hai meses e que foi exposta, por invitación da DG Mare, durante a participación na conferencia titulada Máis alá de 2020: apoio ás comunidades costeiras de Europa, que se celebrou en Tallin en outubro de 2017.
Esta proposta foi enriquecida en orixe coas achegas e opinións recollidas en sendas xuntanzas do Comité das Rexións e cos membros do sector europeo mantidas en xaneiro deste ano. Tamén coas propostas, inquedanzas e pareceres de moitos membros do sector galego que nos foron comunicadas en base á experiencia e á relación con este fondo FEMP nestes meses de vixencia. Ademais, o ditame foi exposto para consideración e debate diante das rexións do Mar do Norte en Urk (Holanda), da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas en Bruxelas e foi explicado, posteriormente á súa aprobación, aos actores do eido marítimo-pesqueiro europeo no Día Marítimo Europeo.
- Te recomendamos -