Inicio Galicia Aprobadas as bases da parcelaria de Benza, no concello de Trazo

Aprobadas as bases da parcelaria de Benza, no concello de Trazo

0

A rede de camiños xa está en execución cun investimento superior aos 1,8 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe un anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se comunica a aprobación das bases da reestruturación parcelaria da zona de Benza, no concello coruñés de Trazo. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, dentro do prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal o da publicación substitutiva.

Este paso pode darse xa grazas á Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga) que reduce os tramites das reestruturacións parcelarias, neste caso, o das bases provisionais, pasando directamente á aprobación de bases.

A día de hoxe nesta parcelaria estanse executando as obras para crear a nova rede de camiños que darán acceso aos predios. En concreto, falamos dunha extensión de 35,35 quilómetros de viarios que na súa maioría (81%) aproveitan antigos trazados preexistentes para respectar a contorna, aínda que se consideran de nova apertura polos traballos que implican. En total o custe desta actuación supera o 1,8 millóns de euros, que se suman aos 320.281 euros xa investidos nas asistencias técnicas.

En paralelo á execución da nova rede de camiños, tamén se elaborará o acordo para o deseño dos novos predios e a correspondente colocación dos marcos. Esta adxudicación asinouse o mes pasado por 107.085 euros.

Superficie concentradaEsta reorganización do territorio afecta a 1.170 hectáreas divididas en 4.538 parcelas de 451 propietarios. Pero a de Benza non é a única reestruturación parcelaria que a Consellería do Medio Rural está a desenvolver no concello coruñés de Trazo. O municipio ten concentrada máis da metade da súa superficie, ao contar xa con sete procesos rematados que reorganizaron un total de 6.274 hectáreas (das 11.524 que ten o municipio). Nestes momentos están aínda en marcha a concentración de Benza, e a de Santa María de Trazo, que aglutinarían outras 2.060 hectáreas de superficie.  


- Te recomendamos -