O número de galegos que regresaron á súa terra de orixe aumentaron en máis do 90 % desde 2009
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou que as cifras de retorno dos últimos anos supoñen un respaldo obxectivo aos plans en materia de emigración e regreso á comunidade que está a poñer en práctica o Goberno galego, entre os que destaca a Estratexia Retorna 2020, aprobada polo Consello da Xunta o pasado 12 de abril. O responsable autonómico sinalou que só en 2017 volveron a Galicia, 6.202, o que supón un incremento dun 21 % respecto aos datos de 2016 e de case o dobre que en 2009. No último exercicio retornaron á comunidade 1.077 galegos máis ca en 2016, principalmente de América e Europa.
Por países, foi Venezuela o lugar de orixe principal dos galegos que regresaron, segundo as estatísticas publicadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Do país suramericano volveron un total de 2.163 persoas. Suíza foi o segundo país que aportou un maior número de retornados da diáspora galega, con 837; seguido de Brasil con 338, o Reino Unido con 305, e os Estados Unidos de América con 302. Outros países con datos significativos foron Francia e México, ambos con 214 persoas, e Alemaña, con 213.
Dos 6.202 galegos que retornaron en 2017, o 78 %, é dicir, 4.865, teñen menos de 65 anos, e só o 21,56 %, 1.337, son maiores. Máis da metade dos galegos que regresaron á comunidade, 3.225, son menores de 45 anos, e a franxa de idade máis numerosa é a de menores de 16 anos, con 998 rapaces de volta en Galicia.
O emprendemento do futuroMiranda presentou estas cifras durante a visita a unha das retornadas que se beneficiaron das Axudas ao Retornado Emprendedor, un dos programas estrela da Estratexia Retorna 2020, e que permitiu nos últimos anos poñer en marcha arredor dun cento de proxectos en toda a comunidade. O prazo para a convocatoria de 2018 permanecerá aberto ata o 28 de setembro. Adriana Asorey abriu unha tenda de decoración e roupa de nenos en Santiago de Compostela logo de traballar cinco anos como consultora enerxética en Bélxica. Con ano e medio de vida, a empresa vende produtos a toda Europa a través de Internet.“Non podemos máis que agradecer a Adriana e aos outros milleiros de galegos que cada ano regresan á súa terra, non só que volvan, senón que o fagan cargados de ilusión e proxectos. A súa xuventude e a experiencia que importan desde os seus diferentes países de acollida fan de Galicia, non só un país novo, senón máis forte e tamén mais competitivo. O Goberno galego é consciente de que eles, ao igual que o resto de galegos nados na Galicia territorial, son o presente e o futuro da nosa terra, á que poden axudar a superar o reto demográfico que vive”, sinalou o secretario xeral da Emigración.
A Estratexia Retorna 2020 inclúe, ademais das Axudas ao Retornado Emprendedor, outras 52 medidas que abranguen todos os eidos que condicionan o retorno dos galegos á comunidade a través de axudas que facilitan o acceso á vivenda, á formación, ao mercado laboral, á investigación e á información, seguimento e asesoramento. A Xunta de Galicia destina a este plan, que busca o regreso de máis de 20.000 galegos ata o ano 2020, máis de 235 millóns de euros entre medidas con incentivos específicos para os retornados e as transversais.
Un saldo migratorio positivoEstas cifras complementan as recentemente publicadas polo INE sobre o saldo migratorio, que sinalan que en 2017 chegaron a Galicia 6.683 persoas máis das que entraron, das que 2.118 teñen entre 16 e 44 anos de idade. O balance tamén é positivo tomando como referencia o saldo co exterior, do que entraron 7.209 persoas máis das que saíron, tanto españolas como estranxeiras, e das que a metade, 3.620, teñen entre 16 e 44 anos. Ademais, por primeira vez desde 2010, chegaron máis españoles dos que saíron, en concreto 1.676 persoas máis, do estranxeiro.
- Te recomendamos -